18 veciños participaron na visita ao balneario de Brión organizada polo Concello de Frades

Participantes na visita ao balneario
Un total de 18 veciños e veciñas de Frades participaron na segunda e última quenda de visitas ao Hotel Balneario Compostela, situado na parroquia do Tremo (Brión). Unha iniciativa organizada polo Concello de Frades, que subvencionou o 70% do custo destas xornadas dedicadas a mellorar a saúde dos seus maiores e nas que tomaron parte un total de 41 veciños e veciñas.
Así, estes 18 veciños das distintas parroquias de Frades disfrutaron do último circuíto termal da temporada, despois das outras tres sesións celebradas o pasado mes de marzo. Piscinas de chorros, contracorrentes, jacuzzi, saunas, ducha bitérmica e de aromas, circuíto circulatorio de pernas e unha sala de relax con mármores quentes foron algunhas das ofertas incluídas no circuíto termal. As augas termais brionesas servíronlles para relaxar os músculos e repercutiron positivamente nos seus estados de saúde.
Os veciños desprazáronse ata o balneario brionés nun autobús, que os foi recollendo polas distintas parroquias de Frades. O prezo da iniciativa foi de 40 euros por veciño (é dicir, 10 euros por xornada), xa que o Concello de Frades subvencionou o 70% do custe da iniciativa e puxo o autobús ata Brión. Os veciños só tiveron que levar das súas casas traxe de baño, chanclas antideslizantes e gorro de piscina.











