15 alumnos/as iniciaron o programa de coidador non profesional de persoas dependentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+
Presentación do curso

Presentación do curso

Os concelleiros de Economía e Benestar Social, Alejandro Langtry Caínzo se Rosa Martínez Beceiro, respectivamente; asistiron esta mañá ao inicio do “III Programa de atención de apoio e formación dirixido a coidadores e coidadoras non profesionais de persoas en situación de dependencia”, enmarcado no Plan Urban que leva a cabo o Concello de Ferrol e que conta co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). “Para coidar con calidade e amor, o coidador  necesita coidarse e ter un respiro familiar, dispoñendo de espazo e tempo para el”,  trasladou ao alumnado a titular de Benestar Social.

Neste sentido, Martínez Beceiro subliñou que o curso permitirá ás participantes “compartir moitas experiencias persoais e aprender técnicas que os coidadores profesionais teñen”. Esta acción formartiva celébrase -ata o 28 de xuño-, os luns, mércores e xoves de 11:00 a 13:00 horas, cunha duración total de 60 horas. As participantes, todas elas mulleres, proceden da zona Urban -os barrios de Ferrol Vello, Canido e A Magdalena- e coidan de persoas dependentes nos seus fogares.

O programa ten como obxectivo facilitar coñecementos básicos ás persoas coidadoras non profesionais para mellorar os coidados sociosanitarios das persoas en situación de dependencia e dotalos de técnicas e estratexias para potenciar o autocoidado persoal. No que atinxe a isto, indicou que ao longo das sesións os participantes “poderán poñerse en situacións que vivirán coas persoas dependentes, como o feito de mover a unha persoa que está na casa, facéndoo da maneira máis axeitada”.

Dúas liñas de actuación

O novo programa proporcionará dúas liñas de actuación: por un lado, estará dirixido aos coidadores non profesionais co desenvolvemento de actividades de atención, apoio e formación e, por outro, enfocarase na persoa dependente, proporcionándolle un coidador profesional mentres o seu coidador asiste ao Programa – o servizo será gratuíto e porao o Concello de Ferrol para facilitar a asistencia ao mesmo-. “Búscase axudar a un mellor coidado ao dependente, pero tamén coidar aos que coidan” indicou Alejandro Langtry.

Co desenvolvemento destes obradoiros ou sesións preténdese potencia a independencia do familiar que se coida, co que aumenta a súa autoestima e a súa vez foméntanse no coidador/a hábitos para o seu “autocoidado”, tanto físicos coma psicolóxicos; deste xeito saberá como chegar e cando pedir axuda a outros axentes da comunidade como familiares, profesionais dos servizos sociais e asociacións, así como planificar e organizar o tempo, tanto o propio como o da persoa que está a coidar.

O programa estruturase en dous bloques formativos: formación inicial (40 horas) e formación específica (20 horas). Así mesmo, nos contidos da formación inicial abordarán aspectos tales como: desenvolvemento persoal da persoa coidadora; competencias e habilidades para o coidado para promover o coidado e a autonomía persoal da persoa en situación de dependencia; e recursos existentes e xeración de Redes Sociais de Apoio. No que atinxe á formación específica, dependerá das necesidades do coidador/a e incluirá un ou máis dos seguintes contidos: dependencia derivada da enfermidade física; dependencia derivada da enfermidade mental grave, dependencia derivada de discapacidade física ou sensorial e dependencia derivada de discapacidade psíquica e intelectual.

15 de abril de 2013 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.