140 mozos participarán esta tarde nun encontro literario co autor Héctor Carré

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

A Concellería de Educación puxo en marcha o programa Tertulias Literarias co obxectivo de fomentar a lectura e a comprensión lectora entre os alumnos e alumnas de Educación Seundaria e Bacharelato de Ourense.

Hoxe á tarde, o Liceo ourensán acollerá un encontro co autor Hector Carré, escritor e director de cine, ao que asistirán 140 alumnos e alumnas de 3 Institutos da cidade (IES Blanco Amor, Ferro Couselo, Otero Pedraio) e 4 de fóra do termo municipal (o IES Lagoa e Antela e Cidade de Antioquía de Xinzo da Limia, IES San Mamede de Maceda e IES Allariz de Allariz).

No encontro os alumnos e alumnas, que leron e analizaron a obra do autor “Febre” voluntariamente,  poderán compartir con el as súas dúbidas opinións e inquedanzas, ao tempo que fomentan a súa actitude crítica e analítica no eido literario.

“Febre”

O seu último libro “Febre”, está ambientado nos anos 40-50′, na zona de Noia e Louame, na que narra a historia da extración de wolframio, aquel ouro negro extraído de xeito clandestino en plena II Guerra Mundial, nas minas de San Finx. Literatura xuvenil contada por unha muller que non se adapta ao seu tempo e quere participar en aspectos e tarefas da vida cotiá vetados ás mulleres.

Por esta obra foi distinguido co Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil no 2011.

Hector Carré Menéndez (A Coruña, 1960) é escritor, guionista e director de cine, estudante de Ciencias da Información e Cinematografía na Universidad Complutense e no T.A.I. de Madrid.

Comezou no mundo cinematográfico como axudante de dirección de coñecidos cineastas como Terry Gillian, Mario Camus, Steven Spielberg ou Pedro Olea. Guionista das súas propias longametraxes, tamén traballou para a TVG, tanto en películas feitas para a pequena pantalla como en teleseries. Coordinou a serie para Antena 3 “Nada es para siempre” e realizou publicidade e curtametraxes premiadas como “La suerte cambia” e “Angelitos”; así coma documentais e videoclips, caso de “Un ejemplar de primavera”, de Rosendo Mercado.

Premios e recoñecementos: Premio ao mellor director no Festival Internacional Fantasporto (1998) e medalla de bronce na categoría de novos realizadores no Houston Worldfest por “Dame algo”. Foi candidato ao premio Goya no 1986 a mellor dirección novel por “Dame lume” e concedéuselle o galardón ao mellor guión nos Mestre Mateo 2007 para Jorge Algora, Christian Busquier e Héctor Carré, por “O neno de barro”.

17 de abril de 2013 | 15:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.