1.400 escolares asisten no teatro Jofre a un novo ciclo dos programas “Cinensino” e “Educando en valores”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Benestar Socia que dirixe Rosa Martínez Beceiro, retoma o Programa de Educación en Valores “Cinensino”, iniciativa que ten o recoñecemento de interese sanitario pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Así, a partir de hoxe e ata o vindeiro xoves 25, escolares de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de Secundaria dos centros educativos da cidade asistirán no Teatro Jofre á proxección de películas.

O alumnado de Educación Primaria Obrigatoria (EPO) asistirá ao pase do filme “Las aventuras de Tadeo Jones”. Tras asistir á proxección desta película, os estudantes traballarán nas aulas unha unidade didáctica centrada na persecución dos soños. Así mesmo, o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) poderá ver o filme “Moonrise Kingdom”. Neste caso, a unidade didáctica na que traballarán posteriormente será sobre o consumo de substancias como elemento configurador de imaxe e status. A mesma, terá como obxectivo evitar que os/as adolescentes recorran ao consumo de substancias como estratexia de imaxe e para amortecer a tensión relacional.

A programación comezou hoxe luns cun único pase ás 10.00 horas ao que asistiron alumnos/as dos colexios Tirso de Molina, CPR Santa Juana de Lestonnac, La Salle e Cristo Rey. Xuntáronse un total de 271 escolares. Na xornada de mañá martes haberá dous pases: Ás 10:00 horas asistirán un total de 173 estudantes do CPR Jesús Maestro, Sagrado Corazón M.M. Mercedarias e CPR Valle Inclán. Ás 12:00 horas serán o CEIP Esteiro, CPR Belén e CEIP Recimil os que visualizarán o filme, contando dun total de 129 escolares.

A programación para os alumnos/as de ESO é a seguinte:

– Mércores, 24 de abril: Haberá dúas sesións. Na primeira, ás 09:30 horas, asistirán o IES Ricardo Carvalho Calero, Sagrado Corazón, CPR Valle Inclán 1 e Jesús Maestro, cun total de 230 estudantes entre os catro centros. O segundo pase, ás 12:00 horas, co colexio Santa Juana de Lestonnac e IES Catabois (168 alumnos/as).

– Xoves, 25 de abril. Ás 09:30 estarán no Jofre o IES Sofia Casanova e Cristo Rey (198 estudantes). No pase das 12:00 horas participarán o IES Saturnino Montojo, colexio Tirso de Molina e IES Ferrol Vello (211 estudantes).

As cifras xerais desta nova programación de Educación en Valores e Cinensino son 10 centros de Primaria e 573 alumnos/as; e 11 colexios de Secundaria con 807 escolares que pasarán durante estes días polo Teatro Jofre.

22 de abril de 2013 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.