Xuventude abre o prazo de solicitudes para as axudas do programa “conduce Ferrol”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O concelleiro de Xuventude do Concello de Ferrol, Borja Carro Muñoz, informou que dende hoxe e até o vindeiro día 23 de marzo (incluído), está aberto o prazo para beneficiarse do programa “Conduce Ferrol”, que facilitará aos mozos/as da cidade a obtención do permiso de condución de clase B. Os mozos entre 18 e 30 anos de idade que estean empadroados no Concello de Ferrol e cuxa unidade familiar acredite un nivel de ingresos económicos netos anuais non superior a 2,5 veces o IPREM poderán optar a unha axuda de 200 euros.

As persoas interesadas neste anovador programa posto en marcha polo goberno que preside Jose Manuel  Rey Varela, poden descargarse as bases na páxina web oficial do Concello de Ferrol –www.ferrol.es-, así como recibir toda a información que precisen nas dependencias municipais da Casa da Xuventude. As solicitudes deben entregarse no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol, situado no primeiro andar da Casa Consistorial. A data límite é o sábado, 23 de marzo.

O edil Carro Muñoz lembrou que “Conduce Ferrol” é unha iniciativa pioneira na cidade que forma parte do Plan de Oportunidades que está a desenvolver o executivo local. O programa, no que colaboran as autoescolas asentadas no municipio persegue tres obxectivos: Mellorar a empregabilidade do colectivo xuvenil da cidade, promover a súa mobilidade e autonomía e, por último,  fomentar unha condución segura, responsable e eficiente.

 Presuposto

O investimento total que a Concellería de Xuventude realizará nesta primeira edición de “Conduce Ferrol” ascende a 10.000 euros; sendo a contía de cada unha das axudas que se concedan de 200 euros. Polo tanto, até un máximo de 50 mozos/as ferroláns poderán beneficiarse deste programa. Cómpre ter en conta que un dos requisitos imprescindibles para a concesión destas axudas é a de matricularse nunha autoescola do ámbito municipal de Ferrol antes do 10 de maio, non podendo acollerse a este programa aquelas persoas que xa estean matriculadas na actualidade.

 

4 de marzo de 2013 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.