Xuntanza entre todos os Alcaldes de Bergantiños e representantes da plataforma de afectados polas participacións preferentes

Reunión coa plataforma de afectados
Un grupo de representantes da Plataforma de afectados polas participacións preferentes e obrigas subordinadas veñen de reunirse na Casa do Concello de Carballo con todos os alcaldes da comarca de Bergantiños para solicitar o seu apoio. Un total de oito afectados expuxeron a súa situación diante do Alcalde carballés, Evencio Ferrero, que actuou como anfitrión, e dos rexedores de Cabana, Manuel Muíño; Coristanco, Antonio Pensado; Laxe, Antón Carracedo; Malpica, Eduardo Parga; A Laracha, José Manuel López Varela; e Ponteceso, José Luis Fondo. Todos eles adquiriron o compromiso de aprobar nos plenos das súas corporacións unha moción conxunta de apoio aos afectados, na que se lle solicita á Xunta de Galicia a que se dirixa aos distintos organismos e autoridades políticas e monetarias competentes para, no caso das comercializacións indebidas destes produtos híbridos, eliminar as quitas e evitar que se realicen trocos por outro tipo de produto financeiro que non poida ter liquidez a curto prazo ou poida supoñer perda no valor nominal dos títulos dos seus produtos; e tamén que se manteña, axilice e reforce o sistema de arbitraxe. Precisamente nesto último fixo fincapé Xan Fernández Carrera, voceiro da plataforma, que considera que a arbitraxe é o sistema que mellor defende os seus dereitos para que poidan recuperar o seu diñeiro.
Durante a xuntanza, o Alcalde larachés, José Manuel López Varela, informou de que a través da Oficina de Consumo do seu municipio xa se teñen tramitado más de 500 reclamacións por estos produtos financeiros, tanto da Laracha como doutros concellos da contorna, e manifestou a súa vontade de estudar o motivo dos atrasos en certas solicitudes, que son atendidas con moita máis demora ca outras. Así mesmo, explicou que se lle trasladará á Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) a situación existente para que recollan a demanda de apoio dos afectados e afectadas e, por último, explicou que a Xunta ten a vontade de informar cumpridamente da situación de cada reclamación. O Alcalde carballés, Evencio Ferrero, lembrou que a corporación local xa ten aprobado por unanimidade unha moción de apoio na sesión do pasado 25 de febreiro e quixo anunciarlles aos afectados a nova que recollen hoxe os medios de comunicación pola que o Consello de Ministros ten pensado aprobar este venres unha medida para que o Fondo de Depósitos pague aos afectados, aínda que con quitas que poden ir dende o 25 ao 70 por cento. Os representantes da plataforma agradeceron a colaboración dos alcaldes para apoiar a súa causa, aínda que tamén solicitaron que as mocións se aproben o antes posible para que se presenten ante a Xunta de Galicia e de aí ante o Goberno do Estado. Todos os rexedores adquiriron o compromiso de sacalas adiante nas sesións plenarias do mes de marzo.











