Xantar premia á innovación das empresas galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaXantar 2013
A-
A+

Xantar celebrou hoxe o seu día adicado ó Turismo e á Innovación celebrando unha nova edición dos “Premios á Innovación Xantar” que nesta ocasión foron recaer en dúas empresas galegas: Fresh Cut e Aceites Abril. A primeira delas foi “Aceites Abril” pola súa traxectoria empresarial e aposta pola introducción da Oliveira en Galicia cunha pranta envasadora en Ourense, polos seus produtos respectuosos co Medio Ambiente, por crear un aceite de oliva 100% galego e pola nova liña de produtos gourmet que presentou onte no salón. A outra empresa premiada foi Fresh Cut pola súa liña de produtos “Galifresh”, baseados en froita fresca xa cortada e preparada para o consumo e apta para todo tipo de dieta xa que non teñen azucre, aditivos nin glute.

Estes premios foron entregados, entre outros, pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que presidiu os actos deste día adicado ó Turismo e á Innovación que comentou que “para manter o impulso do turismo algunhas das fórmulas que podemos utilizar poden ser a innovación e a competitividade. Ambos conceptos gardan estreita relación dado que un podo ser consecuencia da aplicación do outro”. “Pero esta fórmula só se pode obter se se decide apostar decididamente pola formación, pola calidade, pola xestión eficaz e eficiente e mais pola diferenciación”, explicou. Segundo explicou a directora de Turismo, a innovación no sector pode manifestarse a través dunha nova forma de venda, engadindo novos atributos aos produtos preexistentes; creando novos produtos ou servizos; adoptando estratexias de busca de novos mercados ou a través da implantación de novos procesos de comercialización, por exemplo”.

Hoxe tamén se celebrou ó Día adicado ó Turismo Rural; a Castela e León; á Fundación Amigos de Galicia; ó Barco de Valdeorras; ás Neves; a Viana do Castelo; ás Terras do Avia e máis á Vía da Prata e ó Camiño Portugués.

Durante este acto foron entregados tamén os premios do 3ª Concurso de Cartaces das Festas Gastronómicas de Galicia, cuxo ganador foi o Concello de Melide coa súa Festa do Melindre. O segundo posto foi para O Grove pola Festa do Marisco e o terceiro para Castrelo de Miño pola Festa da Anguía.

As actividades continuaron nesta cuarta xornada de Xantar coa celebración de varios obradoiros de cociña en directo. O primeiro deles estivo impartido pola chef Marian Rodríguez que elaborou un arroz meloso con grelos e dúas sobremesas con produtos adscritos a Galicia Calidade. Estas exhibicións continuaron co obradoiro impartido por Jorge García “Koki” de Lugo que elaborou pratos con produtos do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, CRAEGA, maridados con viños da D.O. Ribeira Sacra. Ademais, celebráronse varias catas de viños e degustación de produtos como o Porco Celta, ofrecida por ASOPORCEL, ou de requeixo con mel do Concello das Neves.

Paquete tren

Xantar recibiu hoxe a preto dun cento de visitantes que se achegaron ata Ourense logo de contratar o “paquete tren” que lle incluía a viaxe dende A Coruña, Santiago ou Vigo, visita guiada ás áreas termais da cidade, ó casco histórico e o almorzo no salón. Para mañá agárdase de novo un novo grupo.

Hoxe sábado foi o día de maior afluencia de público e a meirande parte dos restaurantes colgaron o cartel de “completo”. Atendendo ó número de reservas xa realizadas, para esta noite agárdase outro cheo.

11 de marzo de 2013 | 12:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.