Xantar 2013 dinamizará o turismo enogastronómico de proximidade en España e Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurenseXantar 2013
A-
A+
Presentación oficial de Xantar

Presentación oficial de Xantar

XANTAR chega a súa 14ª edición co obxectivo de dinamizar o turismo de proximidade coa gastronomía de Galicia como principal motivación. A creación de distintos paquetes turísticos e accións de promoción ten a finalidade de que, entre o 6 e o 10 de marzo, veñan ata Ourense visitantes de toda Galicia, Portugal e comunidades limítrofes.

O salón foi presentado esta mañá nun acto celebrado en Expourense no que participaron o presidente do Comité executivo de Expourense e da Cámara de Comercio de Ourense, Celso Barbosa, o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, o delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, o presidente da Federación provincial de Hostalería e vicepresidente de CEHOSGA, e o director xerente de Expourense e director de Xantar, Alejandro Rubín. Tamén acudiu a esta presentación a concelleira de Turismo de Ourense, Mónica Vázquez.

XANTAR, Salón Galego de Gastronomía e Turismo, convocará en Expourense esta semana a 153 expositores (un 15% máis que na edición de 2012) que ocuparán 12.000 metros cadrados de superficie e entre os que destacan os 19 restaurantes que ofrecerán 31 menús con prezos comprendidos entre os 12 e os 30 euros baseados nos seus produtos autóctonos e de calidade e cunha ampla oferta de menús infantís e tamén aptos para celíacos. Cómpre destacar que o 70% destes expositores proceden de Galicia, á que lle seguen en número de expositores Portugal, Asturias, Perú e Andalucía e Castela e León.

XANTAR 2013 contribuirá á posta en valor dos produtos agrogandeiros e pesqueiros de calidade das distintas Denominacións de Orixe de Galicia e das rexións convidadas, acollendo ademais a presentación de Destinos Enogastroturísticos Atractivos ante un público obxectivo procedente de toda España, e dun xeito particular da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal que integra a 7 millóns de habitantes.

Perú, país convidado

Perú será o país convidado nesta edición e a súa presenza contribuirá a fomentar a cooperación iberoamericana creando redes turísticas e culinarias sostibles. O país andino estará presente en todas as accións previstas para esta edición

promocionando a súa gastronomía, turismo, artesanía e produtos agroalimentarios. O seu restaurante ofrecerá dous menús que recollen o máis típicos e destacados da cociña do país considerado “Mellor destino culinario do Mundo”. Non faltará o ceviche, a causa, o lombo salteado ou o suspiro limeño. Perú estará representado polas Municipalidades de Ate e Carabayllo, ubicadas na provincia de Lima, e conta co respaldo da Comisión de Promoción do Perú para a Exportación e o Turismo, PROMPERÚ.

Restauración

A promoción da calidade da gastronomía galega a través de elaborados menús será outro dos obxectivos principais desta edición. Dos 19 restaurantes presentes, 10 pertencen a nosa comunidade e entre todos eles representarán a cociña do mar, de interior. Tanto a través da restauración como das distintas actividades previstas, Xantar servirá de plataforma de promoción de alimentos singulares e diferenciados como é o caso das razas autóctonas, dos produtos elaborados polas Cooperativas e tamén daqueles amparados con algún selo de garantía como “Galicia Calidade” ou “pescadeRías”.

Unha das novidades desta edición será que Coren deu un paso máis na súa habitual presenza en Xantar e este ano acode cun restaurante propio no que dará a coñecer os seus produtos da súa gama gourmet e selecta organizando ademais unha cata diaria. Por outro lado, a Federación de Razas Autóctonas de Galicia, BOAGA, participa este ano tamén por primeira vez cun restaurante que ofrecerá un menú degustación elaborado polo chef Flavio Morganti que incluirá carne de calidade incluíndo ás tres razas: a Morena Galega, a Ovella Galega e a Galiña de Mos.

Facendo un percorrido polo salón podemos comezar saboreando o marisco e peixe do restaurante Ría de Pontevedra- Beluso, ata chegar ás Festas de San Froilán de Lugo. A provincia de Ourense será a que conte con maior representación a través dos menús ofrecidos pola Capital-Termal, por Barbadás, O Barco de Valdeorras, Parada de Sil e Riós-Verín. Aínda que presente dende varias edicións, o INORDE introducirá este ano una novidade no seu menú que nesta ocasión propón un percorrido polas estacións de tren da provincia que está a rehabilitar para darlles un uso turístico.

Ademais da promoción do turismo de proximidade, nesta 14 ª edición do salón destaca a promoción da gastronomía do Camiño Mozárabe ou Vía da Prata e do Camiño Portugués, a través da presenza das comunidades que atravesa e nas que a cidade de Ourense exerce o seu papel de porta de entrada. Así, estarán presentes as comunidades de Andalucía, Castela e León e as rexións do Douro, Dao-Lafoes-Centro de Portugal, Bragança e Vila Verde-Braga-Minho, áreas que son percorridas polo camino portugués nalgunha das súas ramificacións.

Ademais, tamén participará Asturias como comunidade convidada ampla e contará cun ampla área onde se poderán atopar e adquirir moitos dos seus productos certificados con denominación de orixe como o queixo ou a sidra.

Outra das novidades en restauración desta edición será a presenza das Ilhas de Madeira que dará a degustar os pratos máis típicos dunha gastronomía baseada na calidade e frescura das súas materias primas como peixes, carnes ou froitas.

Paquetes turísticos

XANTAR puxo en marcha diversos paquetes turísticos que teñen o obxectivo de fomentar o turismo interno e de proximidade estimulando ó público final a visitar Ourense e reforzar un dos obxectivos principais desta cita: promocionar o turismo a través da gastronomía. O primeiro destos paquetes conta coa colaboración da maiorista de viaxes Más Costas e inclúe: unha noite de aloxamento en hotel de 4 estrelas na cidade de Ourense ou nun hotel-balneario ubicado na Ribeira Sacra (con acceso a clube termal), a entrada a Xantar e o almorzo ou cea nun dos restaurantes do salón. Todo elo por un prezo de 75 euros por persoa.

XANTAR creou ademais paquetes pechados orientados aos visitantes procedentes, sobre todo, de A Coruña e Santiago de Compostela que poden achegarse a Ourense na liña de Alta Velocidade, AVANT. A partir de 50 euros, este paquete inclúe viaxe en tren, traslados dende e á estación, visita guiada ás termas e ó casco histórico e comida nun dos restaurantes do salón. Unha das novidades deste ano foi a creación dun paquete semellante pero en liña regular dende Vigo por 40 euros.

Convén lembrar ademais que todos os visitantes que acudan a Xantar en tren dende calquear parte de España obterán un 30% de desconto, incluída Alta Velocidade e AVANT. Este Bono-desconto de RENFE puede obterse en www.xantar.org.

A organización puxo en marcha tamén outros paquetes especiais dirixidos a colectivos concretos como é o caso dos estudantes das escolas de hostalería, das confrarías gastronómicas e enófilas participantes no IX Encontro Internacional que cumprirá nove anos o xoves 7 de marzo será un dos máis participativos ata o momento con máis de 30 confrarías confirmadas.

Actividades

Xantar 2013 conta cun completo programa con máis de 120 actividades (unha media de 2 actividades á hora) entre as que destaca o VIII Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde que inclúe conferencias, obradoiros de cociña, catas e degustacións que porán en valor as propiedades saudables da Dieta Atlántica e os produtos de calidade de Galicia e das rexións convidadas. Entre os relatores deste encontro, destaca a presenza do Catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Zaragoza e secretario da Fundación Grande Covián (o Dr. Grande Covián foi dos primeiros en estudar o colesterol), Dr. Miguel Pocoví, que falará da Dieta Atléntica e o seu papel na prevención de enfermidades cardiovasculares.

XANTAR contará cun Aula gastronómica na que participarán prestixiosos chefs galegos e das rexións, comunidades e país participantes. Destaca entre eles o programa de obradoiros organizado pola Consellería do Medio Rural e do Mar no que recoñecidos cociñeiros sacaranlle o máximo partido e darán conta das posibilidades culinarias de produtos como o Grelo de Galicia, a Castaña de Galicia, o Pan de Cea, Faba da Lourenzá, Pataca de Galicia, Ternera Gallega, as conservas de ANFACO-CECOPESCA, agricultura ecolóxica, etc. Todo elo maridado con viños das catro denominacións de Orixe da provincia de Ourense. Un programa que se completa con distintas catas comentadas de viños e mel. Entre as novidades destaca a presentación de novos produtos como a lamprea afumada ou a cata de paté de percebe.

Por outra parte, o INORDE presentará en Xantar, entre outras accións, o seu programa PROMERCADO sobre investigación puntería no sector gandeiro e impartirá unha ponencia sobre o papel da pataca nunha dieta saudable.

As conferencias e obradoiros completaranse cun amplo programa de presentación de productos turísticos e degustacións ofrecidas polos expositores e con distintas exposicións vencelladas ó turismo e a gastronomía como a de “Lagares Rupestres de Galicia” organizada polo Consello Regulador do Ribeiro, a de “Descobre as Cooperativas” do Consello Galego de Cooperativas ou a Mostra de Cartaces das Festas Gastronómicas de Galicia.

Circuíto profesional

Entre as actividades profesionais organizadas para este ano destacan os obradoiros de elaboración de Ceviche e de Turrón de Pisco, de bombóns de castaña e de azucre soplado impartidos polo Mestre Pasteleiro Miguel Sierra; o curso de talla e ornamentación de froitas e verduras que correrá a cargo de José Martín, Premio Nacional de Decoración Gourmand. Destaca tamén a presentación de produtos innovadores como é o caso da “Pink Cow”, unha bebida con selo ourensán inspirada nas mulleres polo chef Flavio Morganti.

Concurso Prato Xantar

Tamén orientado ós profesionais e tamén aberto para os alumnos das escolas de hostalería e afeccionados á cociña, convocouse este ano o 1º Concurso Prato Xantar que ten o obxectivo de difundir a gastronomía autóctona a través do emprego de materias primas galegas con  IXP transformándoas en pratos innovadores. Tivo moi boa recepción entre o público xa que se presentaron 22 receitas.

Premios especiais

Como centro neurálxico da actualidade gastronómica durante cinco días, Xantar organiza unha serie de actividades que teñen o obxectivo de recoñecer a persoas ou empresas que destacan pola súa traxectoria profesional. Deste xeito, o salón organizou un acto de recoñecemento aos cociñeiros galegos con Estrelas Michelín e Soles Repsol. Por outro lado, farase a terceira entrega dos Premios á Innovación. Tamén se entregarán de novo os premios Platos de Oro de Radio Turismo a restaurantes e casas de turismo rural de Galicia.

Tamén se organizaron actividades especiais orientadas a certos colectivos como é o caso da Noite do Deporte (mércores 6) ou a Noite dos Autónomos e Comerciantes (xoves 7).

Entidades patrocinadoras

Para sacar adiante esta nova edición de XANTAR, a organización contou coa implicación e colaboración de importantes empresas do sector que se sumaron a este proxecto como é o caso de Coren, Cafés Lisboa, Hijos de Rivera, Aceites Abril ou CEPSA, sen esquecer o patrocinio de Novagalicia Banco, a Deputación da Coruña ou Telefónica nin dos centros comerciais Carrefour Planet e Pontevella que contribuiron á promoción do salón entre os seus milleiros de clientes.

Ademais, conta co patrocinio de numerosas entidades vencelladas á promoción do turismo galego e na defensa da calidade da súa gastronomía. Así conta co apoio da Axencia Galega de Turismo, da Consellería de Medio Rural e doutras entidades adscritas á Xunta de Galicia como Galicia Calidade, o IGAPE ou o Consello Galego de Cooperativas. Tamén conta co patrocinio do Concello de Ourense a través da Concellería de Turismo, do INORDE e do programa “Eixo Interior” da Deputación de Ourense e da Federación Provincial de Empresarios da Hostalería.

4 de marzo de 2013 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.