Vilagarcía abonará o 100% do salario cando as baixas superen os 90 días ininterrumpidos
O Concello complementará ata o cen por cento o salario a percibir polos traballadores que estean de baixa (incapacidade laboral temporal) máis de 90 días consecutivos. Este foi o principal acordo adoptado hoxe na mesa de negociación na que participaron membros do goberno local, co alcalde á cabeza, e os representantes sindicais do plantel de traballadores (xunta de persoal e comité de empresa). Nos outros dous puntos a debate, a creación das brigadas de tarde e de fin de semana e o horario presencial de 37,5 horas semanais non houbo acordo.
Sobre as brigadas, os sindicatos nin sequera quixeron entrar en debate, e con respecto ao horario e a súa distribución ao longo da semana, dos once puntos de que constaba a proposta do goberno local, en só tres os representantes dos traballadores estiveron de acordo en falar.
Coa reunión de hoxe, o executivo de Tomás Fole dá por concluído o período de consultas, no que escoitou tanto á xunta de persoal coma ao comité de empresa e tamén aos xefes dos diferentes servizos. Deste xeito, nos vindeiros días aplicará as medidas que considere máis oportunas para mellorar a calidade dos servizos aos cidadáns. Polo de pronto, as brigadas de tarde e fins de semana comezarán o día 1 de abril, coa aplicación das 35 horas que se veñen facendo ata agora , e dende o 8 se computarán xa as 37,5 horas semanais previstas na lei.











