Verónica Boquete comparte adestramento cos alevíns da E.D. Xuventude Oroso

Verónica Boquete cos alevíns
A estrela do fútbol feminino español, a compostelá Verónica Boquete, sorprendeu esta fin de semana aos nenos da categoría alevín das Escolas Deportivas Xuventude Oroso. A dianteira do Tyresö FF (Suecia) compartiu unha sesión de adestramento cos rapaces no campo municipal Lino Balado de Sigüeiro. Non é a primeira vez que a máxima goleadora da Selección Española de fútbol feminino visita Oroso e, concretamente, as Escolas Deportivas Xuventude Oroso, pois xa ten participado en varias iniciativas de fomento do fútbol cos rapaces nos últimos dous anos.
Torneo Prebenxamín
Por outra banda, a ED Xuventude Oroso está a ultimar os detalles do primeiro Torneo Prebenxamín Xuventude Oroso, que terá lugar no campo municipal Lino Balado de Sigüeiro o próximo sábado 30 de marzo. Un torneo no que conta coa colaboración do Concello de Oroso, Coca-Cola, Restaurante El Cortés, Restaurante Mirás e Restaurante Lar Blanco.
Participarán un total de doce conxuntos da contorna, que durante a xornada de mañá xogarán unha liguiña divididos en dous grupos. No Grupo A xogarán: Abanqueiro SD (Boiro), Atlético Melide (Melide), EF Boqueixón (Boqueixón), SD Dubra (Val do Dubra), Narón Balompé Piñeiros (Narón) e os locais da ED Xuventude Oroso. O Grupo B estará conformado por: EDA Arzúa (Arzúa), Montañeiros CF (A Coruña), SRD Portuairos (Ferrol), Puebla CF (Pobra do Caramiñal), SD Cruces (Vila de Cruces) e Vista Alegre CF (Santiago).
A competición comezará ás 10:00 horas, momento no que comezará unha liguiña nos dous grupos con partidos dun único tempo de 12 minutos. Clasifícanse os catro primeiros de cada grupo, que se enfrontarán nunha fase final en partidos de 2 tempos de 12 minutos cada un. Os cuartos de final comezarán ás 17:00 horas, estando previstas as semifinais para as 18:15 e a final de consolación ás 19:00 horas. A gran final disputarase ás 19:30 horas, nun partido de dous tempos de 15 minutos de duración cada un.











