Veciños de Dimo instan a Catastro a corrixir na súa cartografía os lindes con Cordeiro
Veciños de Dimo, pertencentes á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) desa parroquia, denunciaron ante a Consellería de Economía e Industria e ante a Xerencia Territorial do Catastro, que a CMVMC de Louro (Cordeiro-Valga) afirma ser propietaria de varios terreos que, segundo defenden, pertencen a Dimo.
Segundo argumentan algúns comuneiros de Dimo, trala publicación da resolución da Xunta de Galicia autorizando a instalación do parque eólico Fontebecha no termo municipal de Catoira, a CMVMC de Cordeiro presentou alegacións afirmando ser propietaria de parte dos terreos afectados, apoiándose en datos do Catastro que, segundo se verifica consultando a resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de 21 de xuño de 1979, pertencen a Dimo. Por este motivo, comuneiros de Dimo remitiron escritos á Xerencia Territorial do Catastro para que emende estes erros recollidos na cartografía catastral e á Consellería de Economía e Industria para que “tome note da existencia do conflito, dándolle traslado do mesmo a Puentengasa Fontebecha S.L., para que se absteña de acadar ningún acordo coa CMVMC de Cordeiro sobre os terreos en conflito, dado que non é ela, senón a CMVMC de Dimo, a súa lexítima propietaria”.
Ante a pasividade da directiva da CMVMC de Dimo, desde o Concello de Catoira estase asesorando legalmente ós comuneiros de Dimo. Así, aqueles que desexen presentar alegacións similares ante Industria e o Catastro poden informarse nas oficinas municipais. O Goberno local cuestiónase por qué estes trámites non os realizan directamente os representantes electos da CMVMC de Dimo e pregúntase qué outros intereses están defendendo, en vez de protexer os seus terreos e loitar polo ben dos seus comuneiros, xa que a instalación dos 8 aeroxeradores no termo municipal de Catoira vai xerar uns ingresos estimados para a parroquia de Dimo de 90.000 euros anuais.











