Varela mantén unha xuntanza de traballo cos representantes de Ferrolterra, Eume e Ortegal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+
Instante da reunión

Instante da reunión

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, mantivo esta tarde unha reunión de traballo con empresarios que forman parte da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), co obxectivo de coñecer de primeira man as principais inquedanzas e propostas do colectivo empresarial da cidade. Así, ademais do presidente de COFER, Isidro Silveira, no encontro participaron representantes das agrupacións gremiais de talleres de reparación de vehículos, de empresas TIC, da Asociación de Vendedores das Casas Baratas, da asociación de empresarios de hostalería, da de Campings do Noroeste, da Asociación de Comerciantes Novo Ferrol e da de profesionais inmobiliarios do noroeste. Por parte do goberno municipal, xunto co primeiro edil da cidade, asistiron a esta primeira xuntanza de traballo os concelleiros responsables das Áreas de Economía e Medio Ambiente e Urbanismo, Alejandro Langtry e Guillermo Evia, respectivamente; así como o edil de Mercados, José Polo.

Rey Varela cualificou de “frutífero” esta primeira xuntanza de traballo, ao tempo que se comprometeu a facer un seguimento dos temas abordados na mesma. “Os empresarios trasladaron as súas demandas e analizámolas xunto cos concelleiros responsables de cada unha das áreas competentes. Nalgúns casos, se trata de temas que levan moitos anos pendentes de resolver e aos que trataremos de dar resposta”. Así, durante as preto de dúas horas que durou o encontro abordáronse cuestións como a venda de vehículos de ocasión na vía pública; medidas de apoio a empresas do ámbito das novas tecnoloxías da información e a comunicación; o mantemento do mercado de Recimil e a venda ambulante; a normativa de terrazas ou a dinamización comercial do contorno comprendido pola praza de España, a estrada de Castela e Ultramar.

Pola súa banda, o presidente de COFER, Isidro Silveira explicou que esta xuntanza de traballo “nace da demanda das asociacións de manter un contacto directo co alcalde”, e engadiu que esta serviu “para que teñamos resposta sobre moitas dúbidas e temas que propuxemos”. Ademais, Isidro Silveira transmitiu o alcalde de Ferrol o apoio da confederación empresarial á candidatura de Ferrol como Patrimonio Mundial.

19 de marzo de 2013 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.