“Vacacións en paz” xa contempla tres solicitudes para este ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+

A Concellería de Benestar e Emigración está a levar a cabo un ano máis o programa “Vacacións en Paz” que se vén desenvolvendo desde o departamento de Servizos Sociais en coordinación e colaboración coa representante en Lalín da Asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharauí, Belén García, e coas familias acolledoras do municipio, informa a concelleira delegada, Paz Pérez.

“Vacacións en Paz” proponse nun marco de solidariedade e axuda desinteresada, co fin de proporcionar unha estancia agradable e humanamente rica a nenos/as saharauís. Trátase de ofrecer a estes nenos/as nacidos nun medio dun clima de guerra e sometidos as súas duras e traumáticas consecuencias, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non só na súa formación senón tamén a mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos de España e o pobo saharauí.

Estes nenos e nenas nados nos campamentos de refuxiados saharauís, situados desde hai máis de 27 anos na zona da Hamada alxeriana en Tindouf, cerca da fronteira alxeriano-saharauí. É dicir, son fillos dos saharauís que abandonaron os seus fogares ante presión, invasión e ocupación ilegal por parte de Marrocos, do territorio do antigo Sahara Español en 1975.

Para estes nenos/as, nacidos/as no exilio, a súa vida transcorre nas mesmas circunstancias como as do resto da poboación saharauí, privada do máis elemental e que sobrevive dificilmente grazas á axuda internacional. Mediante este programa os nenos saharauís poden ver cousas que lle eran totalmente descoñecidas como as árbores, os ríos, os xardíns, as infraestruturas, unha cultura distinta, etc.

Estes tipos de visitas son importantes para que estes/as nenos e nenas teñan a concepción do mundo suficientemente amplo e sólido, para que adquiran uns marcos de referencia elementais e non mediatizados respecto a outros países, dentro do seu propio proceso de maduración persoal, sen apartalos da rica tradición do seu entorno e do seu pobo. Isto significa axudarlles no seu crecemento e desenvolvemento profundamente alterados como consecuencia dunha guerra que lles foi imposta e que xa dura máis de dúas décadas.

Desde o punto de vista afectivo, España representa algo especial para os saharauís polos lazos históricos, culturais, e humanos. De feito, os/as saharauís pertencen á comunidade de hispano-falantes e aínda conservan con esmero o español como segundo idioma.

Preténdese que a imaxe que estes/as nenos /as teñan de España, e en concreto de Galicia a través do Concello de Lalín, sexa de ledicia e comprensión, onde os cidadáns/ás do municipio poidan demostrar o lado positivo dun pobo, o de Lalín, que quere ser solidario co pobo saharauí.

TRES SOLICITUDES PARA O 2013

O ano 2012 o programa contou coa participación de 3 familias acolledoras do concello de Lalín. En colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaí (SOGAPS) procedeuse ao traslado á localidade dos tres nenos e nenas saharauís con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos. Para o ano 2013 formalizáronse un total de tres solicitudes.

O Concello de Lalín traballa conxuntamente coas familias acolledoras para tratar de sufragar os gastos derivados dos desprazamentos dos menores desde os campamentos de refuxiados ata o aeroporto de Santiago de Compostela.

O custe do desprazamento por menor ascende a 890 € e esta contía inclúe:

– billete de ida e volta dende Tindouf-Santiago-Tindouf

– póliza de seguro de responsabilidade civil, seguro colectivo e de repatriación

– gastos e billetes de acompañantes e de manutención

– traslados desde o aeroporto de Santiago de Compostela-Concellos-aeroporto de Santiago de Compostela

CAMPAÑA DE RECADACIÓN DE FONDOS

Ao longo deste ano as tres familias acolledoras xa lograron recadar o diñeiro para algo máis dun billete. Para elo, estase a realizar co apoio da Concellería de Deporte e da Concellería de Benestar unha campaña de recadación de fondos:

– Mercadiños solidarios levados a cabo co traballo voluntario das familias acolledoras

– Carreiras populares organizadas coa colaboración dos colexios da zona

– A III Carreira do Cocido, a través da que se doaron para este fin un total de 340 euros (un euro por participante).

Todas as persoas que desexen máis información ou participar como familias acolledoras en vindeiras edicións, poderán solicitar máis información no departamento de Servizos Sociais do Concello, chamando ao teléfono 986 780 014, ou no correo electrónico migracions@lalin.org.

15 de marzo de 2013 | 20:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.