Unha ducia de emprendedores reciben asesoramento do Concello de Lalín no último semestre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+

A concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, informa que “o Concello de Lalín, a través da Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local (ADL) prestou, ao longo dos últimos seis meses, asesoramento a un total de 12 emprendedores que elaboraron o seu plan empresa, dos que 5 se corresponden co sector comercio -venda ambulante (1); panadería e produtos de alimentación (1); comercio multiprezo (1); telefonía móbil e servizos de telecomunicacións (1) e tenda especializada (1) -participante no programa municipal Lalín Inserta 2012- e 7 co sector servizos -asesoría de empresas, expertos en comercialización a través das redes sociais (1); consultoría especializada en estudos técnicos e seguros (1); servizos a empresas na xestión de residuos (1); servizos a empresas en materia de formación e comercialización (1); servizos de fotografía e deseño gráfico (1), este proxecto que tomou parte no Lalín Inserta 2012; academia (1), tamén participante no programa municipal Lalín Inserta e distribución de alimentos (1), integrante tamén do Lalín Inserta.

Batán destaca que “destes proxectos, tres constituíronse finalmente en empresas: comercio (1) e servizos (2), e que supoñen a creación directa de catro postos de traballo estables, entre emprendedores e traballadores por conta allea”. “Ademais -afirma- na actualidade atópanse en trámite de constitución cinco proxectos, que implican a creación de dez postos de traballo entre promotores e traballadores por conta allea”.

A responsable municipal de Emprego salienta que “entre as funcións asignadas ás técnicas de emprego local atópanse o asesoramento dos emprendedores, accións dirixidas a difundir e estimular o espírito emprendedor, a difusión e colaboración na implantación das políticas activas de emprego e o acompañamento técnico na elaboración de proxectos e estudos vinculados coa xeración de emprego, o aproveitamento de recursos infrautilizados e posta en marcha de proxectos empresariais”.

ASESORAMENTO INTEGRAL DO POTENCIAL EMPRENDEDOR

“Este servizo de promoción do emprego comprende desde a atención dunha consulta especializada sobre un aspecto técnico, económico ou financeiro relacionado coa posta en marcha dun negocio ou o exercicio dunha actividade, como un servizo de asesoramento integral do potencial emprendedor, desde a orixe dunha idea de negocio, o proceso de maduración da idea empresarial, a elaboración do plan de empresa e o acompañamento técnico durante as primeiras etapas de funcionamento da empresa, mediante a aplicación de técnicas básicas de consultoría en xestión empresarial para contribuír á súa supervivencia”, explica.

“No que respecta ás solicitudes de información ou consultas especializadas, a maioría están relacionadas coa elección da forma xurídica máis axeitada ás características da actividade a desenvolver, os trámites para a constitución dunha sociedade, os custes salariais, os medios e o acceso ás fontes de financiamento por conta allea e as liñas de axuda existentes, principalmente, das subvencións de promoción do emprego”, comenta.

Entre as ditas subvencións, sobre as que se informa desde a ADL, atópanse: o programa para a promoción do emprego autónomo, o programa das iniciativas emprendedoras e de emprego, axudas do Igape a emprendedores para a creación de pequenas e mediana empresas, microempresas, avais diante das entidades de crédito para apoiar as novas empresas ou ampliar as existentes, programa Re-Imaxina Liña Peme Xove 2012, programa Re-Emprende, axudas para o programa Emega para o fomento do emprendemento feminino e outros programas de axudas sectoriais.

Ademais desde a ADL tamén se informa sobre a capitalización da prestación por desemprego (pagamento único) e sobre os incentivos ao emprendemento e ao autoemprego (cotización á Seguridade Social, compatibilización da prestación por desemprego coa alta como traballador autonómo e incentivos fiscais, entre outros) previstos no recentemente aprobado Real Decreto Lei 4/2013 do 22 de febreiro, de medidas de apoio ao emprendedor e de estímulo do crecemento e da creación do emprego.

EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS FISCAIS

María José Batán subliña que “o Concello de Lalín a fin de incentivar o asentamento de novas empresas e a creación de emprego tamén vén aplicando exencións e bonificacións fiscais correspondentes e recollidas no Plan EMTRA <Empresa e Traballo>, convenio marco de colaboración en materia de emprego, dinamización económica e desenvolvemento local entre o Concello de Lalín e a Asociación de Empresarios de Deza, que persegue como obxectivo prioritario a creación de emprego, a través de tres eixos de actuación prioritarios: accións de loxística e apoio a emprendedores, orientación laboral e exencións e bonificacións fiscais”.

“Así, que no que respecta ao balance de beneficiarios do programa, un total de 31 emprendedores se beneficiaron desde que se puxo en marcha o programa, pola derogación da ordenanza reguladora da taxa pola prestación do servizo de outorgamento de licenza de apertura de establecementos”.

Estes 31 establecementos beneficiarios son de diversa tipoloxía (comercios de roupa de nenos, local para uso de garaxes, seguros, vendas de bebidas, confeción polo miúdo de prendas de vestir, local para uso de oficina sindical, tenda de roupa, bodegóns-bar, ópticas, comercio de lámpadas e subministracións eléctrica, consultas médicas, comercio polo miúdo de sementes, comercial agrícola, comercial de produtos fitosanitarios e zoosanitarios, axencia de viaxes, empresa de licenza, oficina postal, consulta de fisioterapia, bazar chino e almacén, etc.

A maiores hai que indicar que “a derogación da antedita ordenanza tamén implicou a derogación da taxa municipal do cambio de titularidade de licenzas (contía fixa de 150,25 euros) e que un total de dez emprendedores se beneficiaron deste incentivo.

Así mesmo tamén se beneficiou dunha bonificación do 95% do imposto municipal sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), a entidade Aspadeza por unhas obras declaradas polo Pleno da Corporación de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais e de fomento de emprego que avalaron a dita declaración.

20.000 EUROS DE AFORRO EN EXENCIÓNS E BENEFICIOS FISCAIS

Por último, Batán remarca que “en cómputo global podemos sinalar que os emprendedores que desde a entrada en vigor da derrogación da ordenanza reguladora da taxa pola prestación do servizo de outorgamento de licenzas por apertura e outras modificacións nas ordenanzas fiscais reguladoras doutros tributos municipais, obtiveron, sumando os importes que lle corresponden ás taxas mínimas polas licenzas municipais de apertura máis as correspondentes aos cambios de titularidade e á bonificación polo ICIO, en conxunto un aforro duns 20.000 euros”.

22 de marzo de 2013 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.