Unanimidade na maioría dos puntos da orde do día do pleno ordinario

Sesión plenaria
A Corporación municipal da Laracha celebrou hoxe unha sesión ordinaria do Pleno na que a maioría dos puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade ao contar cos votos a favor dos tres grupos con representación neste órgano.
Na sesión, que estivo presidida polo primeiro tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, foron modificadas catro ordenanzas fiscais municipais, derrogada outra, aprobados cambios no texto dos regulamentos municipais do uso da piscina municipal, o punto limpo e o referido ás plantacións forestais e pedíronse solucións aos afectados polas participacións preferentes.
Ordenanzas fiscais
Por iniciativa do grupo de goberno, foron modificadas catro ordenanzas fiscais nos seguintes termos:
– A da ordenanza fiscal número 1, reguladora das taxas por expedición de documentos administrativos, eliminará o imposto pola tramitación de licencias para a realización de operacións de depósito, carga e transporte en vehículos de madeira procedente da tala. Este cambio vén motivado porque a nova Lei de Montes de Galicia exime esas operacións da necesidade da licenza, xa que se someterán directamente á citada lei. A aprobación efectuouse coa única abstención do grupo do BNG.
– O cambio na ordenanza fiscal número 7 suporá o incremento do IPC (2,3%) nas tarifas do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, o que foi solicitado pola empresa concesionaria tal e como se establece no contrato de xestión das instalacións. Neste caso, os dous grupos da oposición (PSOE e BNG) abstivéronse.
– A número 15, reguladora do imposto sobre bens inmobles (IBI), eximirá agora da taxa aos bens que albergan os centros sanitarios públicos da Laracha e de Caión. Neste punto houbo unanimidade
– Tamén por unanimidade foi modificada a número 16, reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica, co obxecto eliminar o prazo para presentar a correspondente documentación aos beneficiarios da exención a favor de vehículos a nome de persoas con limitacións ou mobilidade reducida. A partir de agora non haberá límite temporal para a realización dese trámite, que ata o de agora debía facerse antes do 15 de outubro.
– Repetiuse a unanimidade na derrogación da ordenanza fiscal nº 24 reguladora da taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local polas empresas explotadoras de servizos de telefonía móbil, que fora aprobada polo Concello da Laracha en xaneiro de 2010, establecendo unha taxa do 1,5% dos ingresos brutos da actividade que as compañías contribuíntes desenvolvesen no termo municipal. Esta ordenanza foi recorrida ante a xurisdición contencioso administrativa por France Telecom España, S.A. e por Telefónica Móviles España, S.A., fallando o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a estimación parcial dos recursos, polos que se anulan os artigos referidos ao feito impoñible, suxeito pasivo, base impoñible e cota tributaria da ordenanza, elementos substanciais do tributo sen os cales é imposible a súa exacción, motivo polo cal se propón a supresión da taxa.
Regulamentos municipais
Os tres grupos con representación no Pleno votaron a favor das modificacións de tres regulamentos municipais propostas polo grupo de goberno.
Son aprobacións definitivas as referidas ao uso das instalacións do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha (consistentes en cuestións relativas a mellorar e axilizar o seu funcionamento que foron consensuadas previamente coa empresa concesionaria) e tamén a do punto limpo (neste caso dirixidas a adaptar o texto a ampliación dos servizos que se ofrecerán coa nova empresa concesionaria, así como axustar as sancións estipuladas á realidade actual).
No caso da modificación da ordenanza municipal reguladora de plantacións forestais, depósito, carga e transporte de madeira de tala, trátase da aprobación inicial e tamén ten por finalidade adaptala ao novo marco normativo fixado pola Lei de Montes.
Petición de solucións aos afectados polas preferentes
Por último, salientar que o Pleno do Concello da Laracha, tamén por unanimidade, acordou mostrar o seu apoio aos afectados polas participacións preferentes instando á Xunta de Galicia, Goberno Central, Parlamento Español, Ministerio de Economía, Banco de España, Comisión Europea da Competencia, Comisión Nacional de Valores, FROB e Novagalicia Banco (NGB) para que se adopten as solucións legais oportunas para que, no caso das comercializacións indebidas das participacións preferentes e das obrigas subordinadas, se eliminen as quitas e se evite a realización de canxes por outro tipo de produto financeiro que non poida ter liquidez a curto prazo ou supoña a perda de valor nominal dos títulos dos seus produtos. Ademais, reclámase que se manteña, axilice e reforce o sistema de arbitraxe de xeito xenérico e se dea contestación afirmativa a todos os solicitantes considerados aforradores pedindo á entidade Novagalicia Banco que maximice e axilice as aceptacións de arbitraxe.
A adopción deste acordo plenario foi unha das cuestións tratadas recentemente polo propio alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, cos responsables da Plataforma de Afectados polas preferentes de Bergantiños nunha reunión mantida no propio Concello.











