“Un neno, un alimento” repartirá 200 quilos de alimentos ás familias con escasos recursos
O Concello de Neda, a través da Concellaría de Servizos Sociais, iniciaba onte pola mañá unha nova repartición de cestas de alimentos para familias con escasos recursos. Unha entrega pensada de cara ás festas de Semana Santa que é posible grazas á solidariedade dos veciños de Neda. Así, durante o pasado mes, Servizos Sociais poñía en marcha a campaña “Un neno, un alimento” xunto aos centros educativos da vila (colexios San Isidro e Maciñeira e IES Fernando Esquío). A comunidade educativa xogaba un papel fundamental, xa que a iniciativa permitiu elevar as reservas do Banco Municipal de Alimentos que, periodicamente, se nutre dos produtos que remite Cruz Vermella. Alimentos e produtos de primeira necesidade que á súa vez Servizos Sociais distribúe cada mes entre as 45 familias con escasos recursos inscritas no departamento municipal.
Deste modo, entre os meses de febreiro e parte de marzo, alumnas e alumnos dos diferentes centros puideron participar na campaña coas súas entregas. E cada curso, tería asignado un produto concreto -pasta, aceite, galegas, arroz… – para lograr que as cestas que se entregan ás familias fosen equilibradas. Resultado? Preto de 200 quilos de alimentos entregados.
Ademais da colaboración fundamental de Cruz Vermella, as axudas que entrega o Concello en forma de alimentos nútrense dos excedentes de produción de firmas comerciais asentadas na localidade e con compras directas que realiza a Administración local. Así, a achega de Neda excede na actualidade os 6.000 euros anuais.











