Un grupo de 15 desempregados iniciaron hoxe o curso “Operacións básicas de cociña”
A Concellería de Emprego do Concello de Ferrol, que dirixe Martina Aneirtos Barros, iniciou hoxe o novo itinerario formativo de inserción laboral do programa “Ferrol, punto de emprego II”. Trátase do curso “Operacións básicas de cociña”, e no mesmo participan 15 alumnos desempregados -9 mulleres e 6 homes-.
Martina Aneiros explicou que este itinerario formativo ten como obxectivo “capacitar ao alumnado na preparación e presentación de elaboracións culinarias sinxelas, así como para asistir na preparación de elaboracións máis complexas, executando e aplicando operacións, técnicas e normas básicas de manipulación, preparación e conservación de alimentos”. O proxecto do Concello ferrolán “Ferrol punto de emprego II”, financiado en parte polo Fondo Social Europeo (FSE), ten como finalidade proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.
O obradoiro finalizará o mes de xullo de 2013 e terá unha duración de 480 horas en total. Esta acción formativa está dividida en varios módulos: formación específica (270 horas), práctica profesional titorizada en empresas (180 horas), formación transversal e complementaria (30 horas) e titorías individuais e grupais.











