Un grupo de 15 desempregados comezan o curso de operacións básicas de cociña
A concelleira de Emprego do Concello de Ferrol, Martina Aneiros, anunciou hoxe o próximo inicio dun novo curso do programa “Ferrrol, punto de emprego II”. Trátase da acción formativa “Operacións básicas de cociña”, que se porá en marcha o vindeiro luns, día 11 de marzo, coa participación de 15 alumnos -9 mulleres e 6 homes-. O alumnado, formado por persoas en situación de desemprego, foi seleccionado polos técnicos do programa entre as 130 solicitudes presentadas.
O curso “Operacións básicas de cociña” terá unha duración de 480 horas en total e desenvolverase até o vindeiro mes de xullo de 2013. Esta acción formativa está dividida en varios módulos: formación específica (270 horas), práctica profesional titorizada en empresas (180 horas), formación transversal e complementaria (30 horas) e titorías individuais e grupais.
A edil ferrolá de Emprego, Martina Aneiros Barros, explicou que este itinerario formativo ten como obxectivo “capacitar ao alumnado na preparación e presentación de elaboracións culinaria sinxelas, así como para asistir na preparación de elaboracións máis complexas, executando e aplicando operacións, técnicas e normas básicas de manipulación, preparación e conservación de alimentos”. A responsable municipal tamén lembrou que “ Ferrol punto de emprego II”, financiado en parte polo Fondo Social Europeo (FSE), ten como finalidade proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.











