Última semana para presentar alegacións ao PXOM de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+

Principia a última semana na que os interesados e interesadas poderán formular as alegacións que consideren pertinentes para a defensa dos seus dereitos e intereses ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo. O período está aberto até o venres 22 de marzo, despois de dous meses de exposición pública tanto a través da páxina web municipal como con toda a documentación e planos relacionados co PXOM no recinto Fórum Carballo, ademais de nas diferentes parroquias do municipio. O horario de consulta no Fórum é de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas, e martes e xoves de 17.00 a 20.00 horas. Os cidadáns son atendidos por técnicos municipais que poden solucionar as súas dúbidas, ademais de poder contar os xoves, a través de cita previa, coa presenza de membros do equipo redactor. Segundo os datos do Rexistro Municipal actualizados a venres 15 de marzo de 2013, xa se teñen presentado un total de 667 alegacións. Por outra banda, a través da web municipal -e segundo cifras do luns 18 de marzo- téñense contabilizado un total de 5.004 visitas de 2.494 direccións web diferentes nos 55 días que o documento leva exposto ao público. Destas visitas, en xaneiro rexistráronse 2.144, mentres que no mes de febreiro houbo 1.893 e no que vai do mes de marzo contabilizáronse 967.

Desde o primeiro día en que os planos e documentos estiveron a disposición do público a afluencia de veciños e veciñas ao Fórum ten sido constante, así como a media de descargas e visitas a través da web. Neste último caso, ademais de consultas dende países como Holanda, Alemaña, EE.UU, Kuwait, China ou Xapón, nos últimos días incorporáronse visitas dende Canadá, Perú ou Polonia. O tempo medio por consulta é de preto de nove minutos, mentres que o día no que se rexistran máis consultas son os luns, sendo a maioría delas entre as 10.00 e as 14.00 e as 16.00 e as 20.00 horas. Dende a Oficina Técnica pregan aos interesados e interesadas en presentar alegacións, que para facelo acheguen o plano da parcela sobre planos do PXOM e/ou do Catastro, localizándoa mediante unha trama e a súa referencia catastral. Os interesados e interesadas poden consultar e/ou descargar todos os tomos coa documentación completa do PXOM nunha ligazón nesta mesma nova, así como o modelo tipo de instancia para presentar alegacións e a publicación do anuncio no DOG.

18 de marzo de 2013 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.