Trinta comercios locais asinan mañá o seu compromiso coa lingua

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O Pazo de Mugartegui acolle mañá pola noite, a partir das 21.00 horas, a sinatura pública de trinta comercios locais do seu compromiso coa lingua. É unha iniciativa incluída dentro programa Proba en Galego, unha campaña da Concellaría de Normalización Lingüística para dinamizar o uso do galego na pequena empresa e no comercio locais, un labor contínuo deste departamento dende o ano 2006.

Os obxectivos da campaña Proba en Galego son:

• Dinamizar o uso do galego como lingua normal de comunicación no comercio e na pequena empresa

• Implicar as persoas que traballan no sector do comercio e da pequena empresa na mellora do uso do galego coa clientela e coas empresas
provedoras

• Ofrecer espazos de reflexión e traballo para mellorar a calidade da lingua e a seguridade no seu uso no sector

• Estimular a clientela falante de galego para que manteña a súa lingua nas relacións comerciais

• Animar a clientela que non fala galego habitualmente a que probe a facelo

• Facer visible o uso da lingua galega nas relacións comerciais que se establecen na cidade

• Darlles continuidade ás campañas específicas para incrementar o uso do galego no comercio local e na pequena empresa

No acto de mañá pola noite, as empresas asinarán o seguinte compromiso:

O comercio ao que represento: ………………………………………………… asinará no Concello de Pontevedra o documento de compromisos coa lingua galega que forma parte da campaña “Proba en galego”. Este requisito formal, que terá lugar o día 26 de marzo, ás 21 horas, dará acceso á participación na 1ª fase da campaña de publicidade. Para acceder ás seguintes fases a empresa manterá ao longo do ano 2013 os compromisos que se especifican a continuación.

Comprométome a que:

1ª fase:

1. O galego será a lingua empregada nos avisos, por megafonía ou escritos, e carteis temporais que precise o negocio a partir da data de sinatura deste documento.

2. No comercio comezaremos a atención á clientela en galego, para poñer en práctica a oferta positiva á que fai referencia o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

3. Participaremos na campaña de publicidade, cun paquete de insercións publicitarias co texto íntegra e exclusivamente en galego. Os espazos publicitarios levarán a sinatura final “Proba en Galego”.

2ª fase:

1. Manteremos os compromisos da primeira fase.

2. Realizaremos en lingua galega, como mínimo durante o ano que dura a campaña, o resto da publicidade do comercio.

3. Solicitarémoslle á xestoría que asesora o comercio ao que represento o uso da lingua galega na nosa relación comercial.

3ª fase:

1. Utilizaremos a lingua galega nas relacións profesionais do comercio coas empresas provedoras e auxiliares.

2. Demandaremos de todas as administracións públicas documentos e atención en lingua galega, para todos os trámites administrativos que teñan que ver co comercio ao que represento.

Durante todas as fases da campaña:

1. O persoal que traballa no comercio levará un cartón de cortesía coa imaxe da campaña “Proba en galego”, que servirá de presentación e de convite a utilizar o galego.

2. Participaremos no blog “Proba en galego”, específico para esta campaña; escribindo un pequeno texto relacionado coa campaña ou co uso do galego no comercio polo menos unha vez ao mes.

1. Presentaremos a documentación que se especifica para avaliar o seguimento da campaña e o cumprimento dos compromisos: unha
pequena compilación, en papel ou en formato electrónico, de fotografías e/ou mostras dos documentos empregados para cumprir
os compromisos.

2. De non poder demostrar o cumprimento destes compromisos, a empresa asumirá o pagamento da metade do importe da publicidade que a empresa aproveitou.

As empresas que asinarán este compromiso son:

• Autocares Vda. de Cándido
• A Formiga no Carreiro
• Bolboretas de Papel
• Cafetería Tamanaco
• Centro de ensino ENOT
• Cervexaría O Gato Cheshire
• Cervexería O Grifón
• Corner Sports Bar
• Dicenfot Fotografía
• Disney Pontevedra
• Droguería Moderna
• Entretementos Play
• Ernesto Filgueira
• Estouche Ben!. Centro de Terapias
• Flanagan, Cocktails & Gin
• Joyamar
• Juancartepiedra
• Libraría Paz
• Lourdes Sampedro, Lencería.
• Olbe Téxtil
• Peral Moda.
• Portal 48, Espazo para a Creación
• Quercus, Armarios e Vestidores
• Rei Zentolo
• Restaurante O Eirado da Leña
• Saraiva, Centro de Día
• Ultramarinos O Cisne
• Viñoteca Bagos

25 de marzo de 2013 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.