Tomiño pón en marcha un programa de apoio académico para previr o fracaso escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTomiño
A-
A+
Presentación do programa

Presentación do programa

O Concello de Tomiño pon en marcha este mes, a través da Concellaría de Educación e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), o programa “É Aprender”; unha iniciativa dirixida ao alumnado de 1º a 4º de ESO do IES de Tomiño, que pretende contribuír a mellorar o rendemento académico.

A acción, que foi presentada esta mañá na Casa do Concello, ofrecerá ao alumnado de ESO espazos de estudo con persoal de apoio (voluntarios e voluntarias da OMIX con formación específica), nas diferentes parroquias do municipio.

O programa será totalmente gratuíto para os estudantes, e o horario previsto é de dúas veces por semana. A técnica de Xuventude, Elisabet Pérez de Santiago, coordinadora do proxecto, aclarou que os voluntarios non darán clases, senón que exercerán labores de apoio, reforzo e guía. Por unha parte, se desenvolverán accións orientadas a mellorar a comprensión lectora; por outra, tentarase dar técnicas de estudo (ensinar a facer resumos, esquemas, etc.) e por outra, haberá unha parte lúdica, con dinámicas de grupos.

A concelleira de Educación, Olga Orduña, pola súa banda, informou que esta actividade vén a sumarse ás accións que a concellería desenvolve para o mantemento dos centros educativos ao longo do ano.

A edil explicou que o proxecto inclúe, asemade, asesoramento especializado e psicoterapia individual e familiar, tanto para os alumnos, coma para as súas familias, establecendo unha coordinación entre os estamentos que interveñen na educación dos menores e tendo en conta as demandas e necesidades do alumnado con problemáticas propias desta etapa do crecemento (problemas de conduta, relación, ansiedade, autoestima, tristeza, desmotivación nos estudos, etc.).

A alcaldes ade Tomiño,Sandra González, salientou a importancia de reflexionar sobre a importancia que ten a educación e a formación na sociedade. “Queremos contribuír creando un espazo de reflexión e formación que axude a superar estas dificultades aos nosos rapaces e rapazas”, sinalou a rexedora, preocupada por mellorar o rendemento académico dos estudantes e a súa futura empregabilidade.

5 de marzo de 2013 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.