Tomiño organiza obradoiros de ilustración para fomentar a lectura no alumnado de primaria

Cativos atendendo ás explicacións do obradoiro
Con motivo da celebración do Día do Libro (23 de abril), o Concello de Tomiño, organiza unha serie de obradoiros de ilustración dirixidos a alumnado de 1º curso de Primaria de todos os colexios da localidade.
A actividade, que se iniciou onte no CEP Pedro Caselles Beltrán, ten coma finalidade fomentar a lectura entre os máis pequenos e pequenas. Con este obxectivo, o Concello tenta por en valor o libro e os seus creadores, encargados de amosar ao alumnado as súas técnicas de traballo durante o proceso de elaboración e edición dun texto.
Os talleres son impartidos por Pablo Martínez,“Orballo”, licenciado en Belas Artes e ilustrador de contos coma “Pulguiña”, de Editorial Kalandraka, ou “Boris” e “Boris e Compañía”, de Galaxia.
Outra das metas destes talleres é que os propios nenos e nenas, usando a súa imaxinación, escriban e ilustren o seu propio conto sobre cartolinas. Estes traballos, un por colexio, serán expostos no Auditorio de Goián o día 28 de abril.
Os nenos e nenas que participen nos obradoiros obterán unha entrada para a obra teatral “O libro máxico”, da compañía Migallas, que se representará ese mesmo día ás 18.30 horas.
A primeira sesión deste obradoiro tivo lugar onte a mediodía no colexio Pedro Caselles. As seguintes serán, por este orden, en Tebra (hoxe, xoves 7), Sobrada (mércores 13), Goián (xoves 14) e Barrantes (xoves 14).











