“Tomiño humor” consegue grande aceptación por parte do público
O ciclo cultural de inverno “Tomiño Humor”, organizado pola Concellaría de Cultura, que dirixe Cristina Martínez, chega ao seu fin no Auditorio de Goián. A actividade, que reuniu a varios dos mellores humoristas galegos, foi pensada especialmente para tempos de crise. “Nestes tempos difíciles, cremos importante ofrecer actuacións coma estas, caracterizadas polo bo humor”, salienta a concelleira.
A programación, encabezada por Carlos Blanco e o seu espectáculo “So”, monólogo satírico inspirado no Camiño de Santiago, logrou o beneplácito do público, que acudiu de forma masiva ao Auditorio de Goián (cuxo aforo rolda as 350 prazas), quedando xente fora en máis dunha ocasión.
O ciclo invernal de cultura incluíu tamén as actuacións de Avelino González, con “Falando en prata”; Fulano, Mengano e Citano, con “Top Manta”, e Isabel Risco, con “Naviza Girl”, o pasado 9 de marzo.
Mofa e Befa, con “Sempre ao lonxe”, pechará a actividade cultural o vindeiro sábado, 23 de marzo ás 22 horas, tamén no Auditorio de Goián.
Cristina Martínez lembra que a programación cultural se planifica por bloques temáticos. Así, a de outono estivo adicada á música tradicional galega, esta (de inverno) ao humor, e a seguinte (primavera) o estará ao teatro.
A concelleira explica que a pesar dos recortes, a idea do Concello é ofrecer espectáculos de calidade.
A programación de inverno incluíu tamén a exposición de escultura “Formas”, de Carlos Fierro e Carlos Fernández, ambos escultores de Goián, que amosaron parte da súa obra no auditorio, coma resultado do compromiso adquirido polo Concello de fomentar aos artistas locais.











