Teo organiza unha excursión ás termas de Outariz para celebrar o 8 de marzo
A Concellaría de Benestar, dirixida por Ignacio Iglesias, organiza unha excursión só para mulleres ás termas de Outariz, Baños de Molga e Allariz que se celebrará o domingo 10 de marzo con saída ás 09:00 horas. Trátase dunha das actividades da programación con motivo do 8 de marzo, Día da muller.
O único requisito para participar nesta saída é ser muller e vivir en Teo. Trátase dun xeito lúdico e diferente de celebrar este día tan sinalado. Segundo nos informan dende a área de Benestar a comida ten un custe de 15 euros e ten que pagalo cada participante. Para anotarse só hai que chamar telefonicamente ó número 981 809 707 e preguntar por Chelo. Tamén se pode acudir persoalmente ó Centro da Información á Muller de Teo no CSC da Ramallosa.
En relación coas actividades do 8 de marzo destacar que o 4 de marzo remata o prazo para participar no Concurso fotográfico Olladas en igualdade. As fotos deben entregarse en formato dixital e poden traerse de xeito físico ao Centro de Información á Muller de Teo, de luns a venres de 08:00 a 15:00 horas ou enviar por correo electrónico a cim@concellodeteo.com. As bases poden consultarse na web do Concello.
O concurso ten tres categorías de xeito que poden participar persoas de todas as idades. Unha categoría será ata os 12 anos, outra entre 13 e 17 anos e a última de 18 anos en diante. Segundo establecen as bases as fotos deben representar os valores da igualdade entre homes e mulleres desde calquera punto de vista.
Os premios do concurso fotográfico entregaranse o 8 de marzo nunha festa na Casa Común de Rarís dende as 19:00 horas. Nesta xuntanza organizada polo Concello ademais de ver as fotos gañadoras lerase un manifesto e realizarase un coloquios sobre o traballo feminino, concretamente o realizado tradicionalmente polas costureiras.











