Teo felicita ó Club San Francisco polo éxito no Campionato de España de Kárate

Podium das karatecas
A Concellaría de Deportes, dirixida por Anxo Rei, felicita no nome do Concello ó Club San Francisco Teo pola súa brillante participación no Campionato Español absoluto de Karate que se celebrou esta pasada fin de semana en Toledo. Nesta competición destacou especialmente o traballo da deportista Nerea Bellido, que acadou un bronce en kumite feminino 68 kg.
Anxo Rei destaca “o importante traballo desenvolvido dende o Club San Francisco facendo grandes cousas cos escasos medios económicos cos que contan”. E unha vez máis este traballo vese recompensado co recoñecemento dun podium. No campionato tamén participou a deportista do Club Ruth Lorenzo que a pesar de non acadar podio fixo unha excelente competición, segundo destaca o seu adestrador.
A importancia da participación de Nerea nesta competición estatal é destacable xa que o filtro das fases previas só permite o acceso á fase final ós oito mellores karatecas de cada categoría. Segundo explican dende o Club San Francisco Teo a consecución do bronce constitúe “un fito deportivo de enorme importancia para o karate teense e por extensión para o galego”. Facía 11 anos que Galicia non acadaba un podium en categoría absoluta na modalidade de kumite.
A de Nerea Bellido é a primeira medalla en categoría absoluta que logra un deportista do club dos Tilos. Este éxito sen dúbida reforza o traballo realizado dende as categorías inferiores.
Pero seguramente Nerea seguirá traballando e acadando éxitos. A súa traxectoria é seguida con atención por parte dos técnicos da Real Federación Española de Karate. En abril estará en Madrid participando nas probas de selección correspondentes ao Campionato de Europa Absoluto, unhas probas ás que só asiste a elite do karate español. E no horizonte tamén está o Campionato do Mundo Sub-21, que se celebrará en Guadalajar en novembro. Dende o Club explican que “somos conscientes da dificultade de ser seleccionada para a máxima cita deportiva do karate mundial pero Nerea está facendo méritos para estar presente”.











