Teo abre un prazo para subsanar documentación nas solicitudes de bolsas de ensino e transporte
A Concellaría de Educación, dirixida por María Álvarez Garea, publica unha listaxe de solicitudes das bolsas de ensino e transporte que teñen que subsanar documentación. E deben facelo antes do 18 de marzo, xa que de non facelo nese prazo desestimarase a solicitude da axuda para estudos.
A listaxe das persoas que deben completar a documentación pode consultarse no taboleiro do Concello de Teo e na web municipal. María Álvarez Garea destaca que “hai un número alto de solicitudes que non teñen a documentación completa, concretamente 140 dun total de 440 solicitudes tramitadas”. Os documentos que faltan van dende fotocopias do DNI, certificados de matrícula, facturas, certificados que acrediten situación de desemprego, declaracións da renda ou mesmo fotocopia do libro de familia.
Segundo indican dende o departamento económico a subsanación de documentación debe facerse entregando os documentos que faltan no Rexistro Xeral do Concello, aberto de luns a venres de 08:00 a 14:00 horas e os sábados de 09:00 a 13:00 horas.
Diverteo
Por outra banda na área de Educación tamén traballan estes días na organización do Diverteo Primavera que funcionará os días 25, 26 e 27 de marzo e o 1 de abril. O prazo para anotarse está aberto ata este mércores 13 de marzo. As fichas de inscrición poden recollerse no Concello ou descargar da web municipal deben entregarse no Rexistro. O programa de conciliación funcionará nos tres colexios, nos Tilos, na Ramallosa e en Calo e está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que xa estean escolarizados.











