Tecendo unha rede de igualdade no Día Internacional da Muller

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+

geahye

Homes e mulleres na actividade de ganchillo


hrshrs

Árbores coas fundas de ganchillo

Co gallo do día 8 de marzo “Día Internacional da Muller” un grupo de homes e mulleres participaron ao longo de todo o mes de febreiro na actividade de “Ganchillo Urbano” organizada pola Concellería de Igualdade a través do CIM.

O reto era forrar con calceta e ganchillo tódalas árbores da rúa Cardeal, e acadar así da cidadanía un sorriso e complicidade con novas miradas cara a obxectos coma árbores, bancos, esculturas,….cara a espazos que por seren habituais quizá pasen desapercibidos e invisibilizados pola gran maioría de nós, ao igual que pasa coa maioría das discriminacións que sofren as mulleres na nosa sociedade e que dalgún xeito, polo feito de seren habituais,  consentímolas converténdonos en partícipes das mesmas.

Con esta actuación queremos reivindicar o papel das mulleres na sociedade, facelas visibles e romper coas desigualdade que están a sufrir, coa finalidade de que

a cidadanía monfortina, participe tecendo unha rede de igualdade sobre a que poidamos construír un futuro máis xusto e igualitario.

Manifesto “Tecendo redes de igualdade”

Dende que en 1977 a ONU declarara o 8 de marzo como “Día Internacional da Muller” pasaron xa 35 anos; 35 anos nos que se acadaron moitas metas, soños e desexos de mulleres e homes; anhelos de xustiza social que buscaban que mulleres e homes fosemos tratados da mesma forma. Sen embargo, aínda hoxe, no 2013, queda aínda moito por facer.

Esta data é moi significativa para todas as mulleres do mundo, é un día no que se conmemora a loita da muller pola súa participación, en igualdade co home, na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro coma persoa.

Como ven sabedes, nesta loita as mulleres non somos crueis, sanguinarias nin hai vítimas colaterais coma noutras tantas guerras lamentables arredor do mundo; nesta loita as mulleres somos guerrilleiras pacíficas que actuamos sen usar a violencia para acadar cambios sociais. É por iso que este ano decidimos facer as nosas reivindicacións mediante o ganchillo urbano (Urban Knitting, Yarn Bombing ou grafiti ecolóxico), vestindo ás árbores da rúa Cardeal cunha rede de fíos coloridos.

Con esta actuación tratamos de dar un toque de cor e vitalidade á rúa, chamando a atención sobre obxectos urbanos cotiás, nosos dende hai anos e que, sen embargo, pasan desapercibidos polo mero feito de ser habituais. Quixemos asimilar isto co que lles pasa a tantas e tantas mulleres no mundo, que padecen inxustizas simplemente polo feito de ser mulleres e que quedan invisibilizadas simplemente porque esas inxustizas convertéronse en habituais.

Ao igual que hoxe podedes apreciar ás arbores da rúa, ser conscientes de que están aí e existen, gustaríanos que, por un momento, puiderades ser conscientes e pensar nas mulleres que, en todos os países do mundo, padecemos desequilibrios e inxustizas no trato que recibimos con respecto ao trato que reciben os homes, tamén estamos aí e existimos.

Tecemos a rúa con ese propósito, facer visibles ás mulleres: nais, avoas, irmás, fillas, amigas…, tentando que nós e vós, homes e mulleres de Monforte, poidamos tecer unha rede de igualdade sobre a que poidamos construír un futuro máis xusto e igualitario.

Como a implicación segue sendo unha das nosas prioridades, gustaríanos, necesitamos e queremos contar coa vosa participación, ao finalizar estas verbas, para tecer unha rede que, de modo simbólico, represente un compromiso coa igualdade de todos os monfortinos e monfortinas. É por isto que animo a toda a cidadanía a participar no xogo que segue a continuación.

TECEMOS A REDE DA IGUALDADE…
1. Para que homes e mulleres cobren o mesmo salario por traballo de igual valor.
2. Para que ningunha muller se vexa obrigada a tomar a decisión de abandonar os seus estudos por seguir a un home.
3. Para que o traballo realizado no ámbito doméstico teña un valor real.
4. Para que exista liberdade sexual e reprodutiva para as mulleres.
5. Para que non exista o chamado “teito de cristal” no ámbito laboral.
6. Para que non existan mulleres explotadas sexualmente.
7. Para que as mulleres non teñan que demostrar máis méritos para conseguir un posto de traballo.
8. Para que as mulleres non perdan o seu traballo cando se quedan embarazadas.
9. Para que homes e mulleres compartan responsabilidades familiares e domésticas.
10. Para que non se exerza a violencia machista.
11. Para que o horario de traballo dos homes e das mulleres lles permita disfrutar da súa familia.
12. Para que non exista a “dobre xornada” (laboral e doméstica) para as mulleres.
13. Para que exista o mesmo número de homes que de mulleres nos postos de dirección.

8 de marzo de 2013 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.