Subvencións para o fomento de actividades culturais, sociais e deportivas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVimianzo
A-
A+

O vindeiro luns a Xunta de goberno local do concello de Vimianzo aprobará as bases reguladoras da convocatoria ordinaria de subvencións para o fomento de actividades culturais, sociais e deportivas do ano 2013, cun investimento total de 28.500 euros. O goberno municipal aposta deste xeito polas asociacións do concello que desenvolven un traballo imprescindible para a sociedade, e que moitas veces se atopan con impedimentos económicos para poder levar adiante. “Para o goberno municipal o labor das asociacións é fundamental para a sociedade vimiancesa, xa que en moitos casos a dinamización da vida cultural, veciñal e deportiva das parroquias depende delas. É por iso que este ano se decidiu anticipar a convocatoria de subvencións, para que as entidades poidan contar con ingresos no ano natural e non ao rematar o ano como viña sendo habitual” di o alcalde. Para dar máis facilidades ás asociacións que traballan polos veciños sen ningún ánimo de lucro as bases de subvencións deste ano 2013 presentan algunha novidade.

Desde o goberno municipal apóstase polo fomento do deporte, coa importancia de inculcar hábitos saudables entre a poboación calquera que sexa a idade. Nas subvencións para o fomento do deporte distínguese entre clubs ou equipos de fútbol e asociacións que desenvolven calquera outra actividade relacionada coa práctica do deporte. No que se refire aos clubs de fútbol, a cantidade subvencionada manterá relación coa categoría na que se atope o equipo, de xeito que a maior categoría lle corresponderá maior subvención, valorando tamén que teñan equipos noutras categorías. Outro dos  criterios de valoración é que os xogadores federados no equipo estean empadroados no concello de Vimianzo, co ánimo de promocionar o fútbol entre os nosos veciños e veciñas.

No que respecta ao fomento das actividades culturais, o Alcalde lembra que para permitir un mellor reparto entre as asociacións culturais nesta convocatoria, incluiuse unha reforma nas bases de execución do orzamento do concello, aprobada polo Pleno da corporación, onde se asignaron 3.000 euros ao Asalto ao Castelo, 2.000 á Rapa das Bestas e outros 2.000 á Asociación de Voluntarios de Protección Civil, co que non terán que depender destas subvencións.

Outra das novidades que presenta esta convocatoria de subvencións está no pagamento das mesmas, xa que, unha vez se notifique a concesión da axuda, a asociación poderá solicitar o pagamento do 60% do total concedido, como pago anticipable, antes do prazo de xustificación, co que se consegue que as entidades poidan afrontar o inicio das actividades con liquidez o que redundará nun mellor funcionamento das mesmas.

14 de marzo de 2013 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.