Servizos Sociais elabora un programa de actividade física e recreativa para a terceira idade
O departamento municipal de Servizos Sociais vén de elaborar un programa de actividades, baixo o título “Aprende a envellecer feliz”, destinado a fomentar o exercicio físico e a actividade recreativa entre a veciñanza da terceira idade, que adoita responder con moito agrado a este tipo de plantexamentos.
No apartado físico do programa inclúese a realización de exercicios aeróbicos de baixo impacto, acompañados con música seleccionada, co obxectivo de aumentar e mellorar a capacidade cardiopulmonar dos participantes.
Asemade, levaránse a cabo exercicios de relaxación para eliminar tensións musculares; paseos por lugares seguros na propia vila ou zonas periféricas do municipio; e talleres co obxectivo de concienciar ás persoas maiores da importancia de practicar exercicios físicos e recreativos.
No apartado recreativo, os participantes intervirán en diversos xogos que lles proporcionen un bo estado de ánimo no grupo; festivais recreativos para elevar a autovalía e autoestima, mediante xogos e bailes tradicionais de xeito competitivo; presenciar películas de cine da súa época, e celebrar cumpleanos colectivos coas persoas do grupo que coinciden no mesmo mes.
Servizos Sociais considera que as actividades físicas e recreativas son fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas xa que, ademáis de facer unha utilización axeitada do tempo libre, fortalecen a saúde e facilitan o disfrute.
Vaise procurar que a terceira idade cambadesa participe nos eventos que se organicen, considerando os seus gustos e preferencias á hora de intervir en actividades físicas e recreativas.
A Xunta de Goberno Local acordou solicitar a inclusión deste programa “Aprende a envellecer feliz”, que conta cun presuposto de 18.477 euros, no Programa de Acción Municipal 2013 (sección actividades) subvencionado pola Deputación provincial.











