Servizos Sociais de Ribadumia atendeu durante o ano pasado a preto de 3.000 usuarios
A concellería de Servizos Sociais de Ribadumia fixo pública a súa memoria anual relativa ao ano 2012, onde se contempla un mantemento no número de consultas realizadas con respecto ao ano anterior, así como na confianza depositada polos veciños no servizo de asesoramento e nos programas organizados por este departamento. Así, en 2012 atendeuse a 2.820 persoas de Ribadumia que pertencían, principalmente, aos colectivos de muller, terceira idade e inmigración, que conxuntamente engloban o 60% das consultas realizadas.
Os programas municipais que compoñen o departamento de Servizos Sociais inclúen a educación familiar e o apoio familiar, con programas que facilitan a conciliación; o servizo de axuda no fogar; a información, orientación e asesoramento; a atención a colectivos con necesidades específicas; o servizo de voluntariado social; proxecto de cooperación e colaboración con organización non gubernamentais; programa de inserción social; de atención e asesoramento a mulleres; escola de educación infantil 0-3 anos; fogar de maiores; e programa de prevención de alcolismo e drogas. De todos eles os que máis demanda a poboación deste municipio é a información, valoración e orientación. Lévase a cabo mediante unha atención individualizada a través da asistente social, que atende ao público os martes e xoves. Para o desenvolvemento de todos estes programas e prestacións sociais, a Concellería de Servizos Sociais contou en 2012 cun orzamento de 395.206,81 euros.
Desde o Concello de Ribadumia, a alcaldesa Salomé Peña manifesta “a aposta decidida” que mantén o grupo de goberno “coa atención social, coa mellora da calidade de vida e do benestar dos veciños, principalmente daquelas persoas que máis precisan do noso apoio”. Recorda que “Ribadumia é desde hai uns anos un referente en materia de prestacións sociais, e queremos seguir traballando nesta liña. Temos absoluta prioridade pola prestación de servizos sociais que garantan e melloren as condicións de vida dos nosos veciños”.
Un dos programas reforzados durante o ano pasado foi o servizo de axuda no fogar, que conseguiu eliminar as listas de espera en Ribadumia. Atendeu a 25 usuarios, entre dependencia e prestación básica. En total, destináronse 780 horas mensuais para mellorar a calidade de vida destes usuarios, favorecer e potenciar a súa autonomía persoal e posibilitar a súa permanencia no contorno de convivencia habitual.
Xunto co programa de axuda no fogar, as iniciativas que favorecen a conciliación da vida familiar e laboral seguen consolidándose. Para a infancia, o Concello de Ribadumia conta coa Escola Infantil 0-3 anos, a Aula de Acollida ou Programa Madruga, a Escola de Ocio e Tempo Libre e axudas para o comedor escolar. Para a terceira idade ten en marcha o Fogar de Maiores.
No que respecta ao proxecto de colaboración e cooperación con organizacións non gubernamentais, o Concello de Ribadumia ten firmados convenios coa Fundación Amigos de Galicia, Cruz Vermella e Banco de Alimentos para poder cubrir as necesidades básicas das familias con dificultades económicas, principalmente no caso de que teñan fillos menores a cargo. Durante o ano pasado, atendéronse a 31 beneficiarios.











