San Sadurniño leva a pleno as obras do edificio anexo ao pazo da marquesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

Para mañá sábado 2 de marzo ás 11.30h. está convocada a sesión ordinaria do pleno municipal correspondente ao mes de marzo. A orde do día compóñena dez puntos. Entre eles destacan a elección de xuíz ou xuíza de paz para substitucións, as normas de uso do logotipo municipal ou o inicio do expediente para contratar as obras do edificio anexo ao pazo da marquesa.

Ademais destes puntos, as concelleiras e concelleiros dos tres grupos municipais tamén someterán a votación a aprobación definitiva do deslinde dunha finca no lugar de Corrás e dúas mocións presentadas polo BNG, unha sobre a derrogación das taxas xudiciais e outra en favor dunha xestión sustentable e ecolóxica do lixo.

Antes do apartado de rogos e preguntas -no que tamén pode intervir o público ao ser unha sesión ordinaria- a Corporación tamén tentará chegar a un acordo consensuado sobre a declaración institucional co gallo do día 8 de marzo no que se celebra o Día Internacional da Muller.

Obras do edificio anexo ao pazo

Na sesión tomarase o acordo para iniciar o procedemento de contratación das obras do antigo colexio das monxas. Uns traballos cuantificados  en algo máis de 345.000 euros cos que se prevé acondicionar as instalacións como viveiro de empresas e escola infantil.

O Concello e a Deputación da Coruña asinaron recentemente un convenio de finanzamento mediante o que o ente provincial achegará 200.000 euros mentres que o resto irán por conta da administración local, quen traballa na posibilidade de obter axudas doutras institucións.

Os planos da intervención e o proxecto levan varios meses preparados e contemplan a demolición do último andar e da ala leste do edificio así como o seu reacondicionamento exterior e interior.

Unha vez que se supere o trámite plenario o Concello comezará co proceso de contratación das obras, que deberán estar executadas -tal e como se reflicte no convenio asinado coa Deputación- antes do mes de setembro.

1 de marzo de 2013 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.