San Sadurniño dedica o mes de marzo á muller e á igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

Unha das actividades máis exitosas que se propuxeron foi o curso de autoprotección destinado a mulleres maiores de 16 anos para o que se ofertaron inicialmente 20 prazas. A demanda foi tal que se xuntaron 41 persoas de dentro e de fóra de San Sadurniño, o que levou ao Concello a organizar dúas sesións, unha o 16 e outra o 30 de marzo. 

Serán profesionais do Sindicato Unificado de Policía quen impartan o obradoiro. Búscase que as mozas e mulleres adquiran a destreza e a habilidade necesarias para xestionar positivamente e con seguridade situacións de risco. Ademais, o curso quere fomentar a autoestima, tan necesaria para denunciar os malos tratos no seo do fogar ou fóra del. Máis aló do curso, cada un dos días está pensado como unha xornada de convivencia na que as participantes xantarán nos xardíns do pazo se o tempo o permite.

Por outra banda, a Concellaría de Educación e Igualdade concentrou o 23 de marzo os actos do Día Internacional da Muller cun programa ben completo:

17.00 h. Apertura do acto coa obra de teatro “A aula de tócame-roque” a cargo da Asociación de Mulleres Amistad de Santa Mariña do Vilar (Ferrol). Unha peza que nos levará ás escolas dos anos 50.

17.50 h. Visionado do traballo “”A escola dos meus avós e avoas”“ elaborado polo alumnado de secundaria do CPI de San Sadurniño.

18.30 h. Pecharase o acto coa actuación de María López Carballo e a súa zanfona. Esta pequena empezou na música como alumna da Escola municipal de música tradicional e saltou á fama a través das redes sociais cando compartiu escenario en Narón a dúo co gaiteiro Carlos Núñez. María estará acompañada desta vez polo seu pai como gaiteiro.

Esta actuación non será a única, xa que tamén están incluídas no programa dúas actuacións da Escola de música de Lamas. Ademais, tamén se poderán visitar dúas exposicións. A primeira é unha exposición fotográfica que resume os obradoiros de Tempos para compartir que se levan realizado até o momento. 

Tempos para compartir é un programa itinerante de intercambio de saberes que se desenvolve nas distintas parroquias todos os primeiros sábados de mes. Unha iniciativa na que as mulleres lles gañan en número aos homes como docentes e tamén como asistentes. O próximo obradoiro será o 6 de abril en San Sadurniño da man de Llanos Luaces Gudín, quen ensinará a facer broches de fieltro. Como aperitivo deste obradoiro, Llanos abrirá o 16 de marzo unha exposición no recibidor da casa da Cultura. Será un mostrario da súa creatividade composto por broches, camisetas e bolsas de tea pintadas á man.

Actividades no colexio

A programación municipal arredor da muller e a igualdade tramén se traslada ao colexio pro medio do programa educativo que imparte a axente municipal de igualdade desde hai dúas semanas no CPI.

Ademais, co gallo do 8 de marzo, a concelleira Ana Belén Bereijo fixo as veces de contacontos para as nenas e nenos de 3º de primaria con “Axudemos a Brancaneves, esta é outra historia” e “A cousa que máis doe do mundo”. Dúas pequenas obras con mensaxe ao respecto da corresponsabilidade doméstica e a verdade como valor positivo en contraposición á mentira.

8 de marzo de 2013 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.