San Sadurniño celebra este sábado o I Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+

O curso de autoprotección vai destinado a mulleres maiores de 16 anos e para el  ofertáronse inicialmente 20 prazas. As inscricións superaron as expectativas, xa que se xuntaron 41 persoas de dentro e de fóra de San Sadurniño, o que levou ao Concello a organizar dúas sesións, unha o 16 e outra o 30 de marzo e a denominar esta acción como “I Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero”.

Serán profesionais do Sindicato Unificado de Policía quen impartan os obradoiros de autoprotección, que comprenden tanto técnicas físicas como de persuasión, xa que o obxectivo principal é aprender a manter a cabeza fría, a repeler agresións e a saír indemnes para pedir axuda o antes posible.  Búscase, polo tanto, que as mozas e mulleres adquiran a destreza e a habilidade necesarias para xestionar positivamente e con seguridade situacións de risco.

Ademais, tamén se busca  fomentar a autoestima, tan necesaria para denunciar os malos tratos no seo do fogar ou fóra del.  Por iso o encontro está programado como unha xornada de convivencia na que as participantes xantarán nos xardíns do Pazo  da Marquesa -se o tempo o permite- de maneira que poidan intercambiar impresións co persoal do SUP e do Concello.

As datas e horarios deste I Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero son os seguintes:

Sábado 16 de marzo, de 10.00 a 13.00 h. na Casa da Cultura de San Sadurniño (ao pé da Casa do Concello) e despois xantar nos xardíns do Pazo da Marquesa (no Lugar do Outeiro, á beira da estrada Ferrol-Ortigueira e moi preto da Casa da Cultura).

Sábado 30 de marzo. A data está pendente de confirmar pero, de manterse, o obradoiro desenvolverase co mesmo programa.

13 de marzo de 2013 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.