San Sadurniño acolle o acto central de celebración do Día Internacional das Mulleres
O departamento municipal de igualdade apura as últimas horas para que este sábado todo estea preparado na casa da Cultura, onde se celebrarán os actos centrais do Día Internacional da Muller. Un día dedicado ao teatro, á música e a lanzar a mensaxe de que todas e todos temos os mesmos dereitos e que, polo tanto, tamén debemos ter as mesmas oportunidades.
O programa abrirá ás 17.00h. coa obra teatral “A aula de tócame-roque” representada pola Asociación de Mulleres Amistad de Santa Mariña do Vilar (Ferrol). Nela escenificarán unha adaptación da disparatada comedia nun único acto escrita polo prolífico autor ferrolán Francisco García Purriños.
Tralo teatro, a iso das 17.40h., a escola municipal de música de Lamas ofrecerá un primeiro recital de dez minutos para darlle paso á proxección do vídeo “A escola dos meus avós e avoas”, producido polo alumnado de secundaria do CPI de San Sadurniño. Ao seu remate volverá actuar a agrupación musical de Lamas.
Cara ás 18.30h rematarán os actos con máis música. Desta vez será María López Carballo, unha nena que se fixo famosa recentemente tocando a súa zanfona a dúo co gaiteiro Carlos Núñez. María, que ten as súas raíces en Naraío, comezou a súa andaina musical como cantareira e pandereteira na escola municipal de música tradicional. O seu pai, que tamén empezou na mesma escola, acompañaraa á gaita nunha das pezas que interpretará.
As actuacións desenvolveranse na casa da Cultura, onde tamén se poderán ver dúas exposicións. Unha delas mostra a creatividade co fieltro e os pinceis de Llanos Luaces. Esta artista local ofrecerá o próximo 6 de abril un obradoiro de elaboración de broches dentro do programa municipal Tempos para compartir. Á beira desta exposición hai outra na que, precisamente, se repasan todas as actividades realizadas ata o momento dentro deste programa itinerante de intercambio de saberes que se celebra todos os primeiros sábados de mes.
II Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero
O departamento de Igualdade celebrou o sábado pasado o I Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero, no que participaron unha vintena de mulleres. Profesionais do Sindicato Unificado de Policía instruíronas sobre como reaccionar ante unha agresión e mesmo como manexar a situación incluso antes de que se produza.
O éxito desta iniciativa -na que se inscribiron un total de 41 mulleres- levou ao Concello a programar un segundo encontro que estaba previsto inicialmente para o sábado 30 pero que, finalmente, quedou fixado para a mañá do sábado 6 de abril. Ademais das clases de autoprotección que se impartirán na casa da Cultura, tamén está previsto que as participantes xanten nos xardíns do pazo se o tempo o permite.











