Saen a contratación as obras de rehabilitación do edificio anexo ao Pazo da Marquesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+
Infografía da parte traseira

Infografía da parte traseira

O importe inicial son 345.728 euros -285.725,62 euros máis ive- que os licitadores poderán rebaixar nas súas ofertas aínda que sen caer no que se denomina “baixa temeraria” ou, o que é o mesmo, sen propoñer un prezo anormalmente reducido. Porén, aínda que o prezo é un elemento que se valorará, o criterio que máis vai pesar será o do prazo de execución. 

As obras saen a concurso mediante procedemento aberto con multiplicidade de criterios e deberán estar listas nun prazo máximo de seis meses. Hai que lembrar que a Deputación achega 200.000 euros e que no convenio de colaboración asinado co Concello especifícase que os traballos terán que estar rematados no mes de setembro, de aí que se lle dea unha especial importancia á rebaixa no prazo de entrega.

Os pregos marcan un prazo para presentar ofertas de 13 días naturais (domingos e festivos incluídos) empezando a contar este martes 20 de marzo. Botando contas danos que a data límite para achegar propostas remata o 1 de abril.

Non se esixe a constitución dunha garantía previa de cara a participar no proceso pero quen resulte adxudicatario si terá que constituíla por importe do 5% do prezo de adxudicación sen ive, como peñor ante un posible incumprimento do contrato ao que se somete gañando o concurso. As propostas deberán axustarse aos anexos reflectidos no modelo tipo da Deputación da Coruña publicado o 1 de xuño do ano 2012.

A documentación referida ao proceso e outra información poden consultarse no Concello, av. Marqués de Figueroa, nº 5; 15560 San Sadurniño, A Coruña. Teléfono 981 490 027. Fax 981 490 474.

Escola infantil e centro de negocios

A intervención prevista fundaméntase na necesidade de por en valor un edificio en desuso ao tempo que se adapta a súa fisonomía aos xardíns e ao pazo xa restaurado. Deste xeito, o inmoble -construído en 1967- verá reducido o seu volume ao perder un andar e a parte que o comunica co torreón do pazo. O deseño arquitectónico deixa entrambos edificios un corredor  que dará acceso aos xardíns desde a fachada paralela á estrada AC-862.

O aspecto exterior tamén cambiará. O novo centro de servizos presenta unha estética moderna que mantén a harmonía co resto do conxunto histórico. Substituiranse as fiestras , farase unha nova cuberta e sanearanse as paredes de todo o perímetro. Xunto coas obras de derrubamento e acondicionamento exterior tamén se aproveitará para instalar sistemas de aforro enerxético que aseguren un edificio que requira pouca enerxía para manterse e que sexa ambientalmente sustentable.

No interior prevense dúas grandes actuacións. Para a planta baixa deseñáronse varias divisións e estancias equipadas para acoller unha escola infantil. A escola precisará a maior parte dos 350 metros útiles que hai na parte baixa do edificio. Porén, aínda quedará espazo para ofrecerllo a outras administracións ou institucións que presten servizos públicos.

A segunda grande actuación desenvolverase no primeiro andar do edificio. Alí faranse novas divisións e equiparanse os 281 metros útiles dispoñibles para transformalos nun centro de empresas orientado principalmente a emprendedores e con prezos competitivos que axuden en tempos de crise a iniciar ou a continuar cunha actividade. Ademais das divisións individuais, este espazo contará cunha sala de xuntanzas e servizos comúns como o acceso a internet.

As obras están orzamentadas en 345.728 euros, impostos incluídos. San Sadurniño conta xa con 200.000 euros provenientes do cambio do obxecto do convenio  coa Deputación provincial que inicialmente se ía destinar á compra do antigo cine. Entre as baixas do proceso de contratación e os 200.000 euros provinciais agárdase que a achega municipal sexa mínima e non se descartan outras liñas de finanzamento complementarias que reduzan ao mínimo o que teña que poñer o Concello con recursos propios.

19 de marzo de 2013 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.