Román Rodríguez reunirase cos voceiros municipais para analizar as posibilidades do Pazo de Liñares
O concelleiro de Urbanismo e voceiro do grupo de Goberno, Román Rodríguez, manterá o próximo xoves, 14 de marzo, ás 13.00 horas, na Casa Consistorial, unha xuntanza cos voceiros dos grupos políticos municipais: Manuel González Aller, por parte do PSOE; Xesús Cordeiro Budiño, por parte do BNG e Camilo Conde López, por parte do Partido Galeguista.
Román Rodríguez destaca que “o obxecto deste encontro de voceiros é analizar e avaliar as posibilidades de uso do Pazo de Liñares, unha vez que se rematou a rehabilitación do edificio casa natal do aviador Loriga”. Neste sentido indica que “se trata de consensuar o máximo posible as utilidades desta construción nobre; toda vez que xa existe unha proposta de usos definidos para a parte baixa de Liñares dentro do programa Depodeza”, remarca.
VISITA SEMINARIO ESTUDOS DEZA A PAZO LIÑARES
Tamén o próximo xoves, 14 de marzo, ás 17.00 horas, visitarán o Pazo de Liñares membros do Seminario de Estudios de Deza (SED). Acompañaraos o concelleiro de Urbanismo, Román Rodríguez, e está confirmada a asistencia de entre outros, Daniel González Alén; Cristina Vázquez Gómez; Luis Fernández Pérez; Alfredo Abeledo, Xoán Carlos García Porral; César Gómez Buxán; Ángel Utrera; Antonio Presas ou Cecilia Doporto.
“O obxectivo desta visita específica que organizamos para investigadores e estudosos é que coñezan como quedou a rehabilitación do Pazo, toda vez que estamos a falar de persoas que coñecen moi ben a historia de Liñares e cuxo traballo ten sido fundamental para valorizar e entender a significancia da que foi berce de Loriga, xa que os membros do SED son coñecedores de primeira man de todo o proceso de recuperación desta nobre edifición”, sinala Rodríguez.
O voceiro do grupo de Goberno tamén anuncia que “a nosa idea é darlle vida canto antes e así temos previsto facer, entre outras actividades, unha xornada de portas abertas en primavera e un programa de visitas para que os nenos/as dos centros educativos lalinenses poidan coñecer esta xoia singular da arquitectura lalinense e galega, ao tempo que propiciar un achegamento cara a figura dun dos seus moradores, o fillo ilustre lalinense, Joaquín Loriga”.











