Rodríguez confirma que os traballos de dixitalización do Arquivo Municipal de Lalín van a bo ritmo

Rodríguez visitando os traballos de documentación
Desde mediados do mes de febreiro, os mozos Almudena Quintana, Paula Fernández e Simón Vicente López, están a dixitalizar a documentación do arquivo municipal do Concello de Lalín -no que é unha segunda fase, despois de informatizar as actas das sesións plenarias das xuntas de goberno local o ano pasado a través dunha empresa especializada-.
Estas actuacións que desenvolven estes tres profesionais enmárcanse dentro do programa da Deputación Provincial de Pontevedra de dixitalización da documentación dos concellos da provincia co fin de preservar a historia dos 62 municipios pontevedreses e mesmo de facilitar á cidadanía o seu acceso.
O voceiro do grupo de Goberno, Román Rodríguez -asiduo visitante anos atrás do arquivo municipal dada a súa condición de profesor e investigador-, realizaba unha visita esta semana a estras tres persoas que está traballando en Lalín.
Rodríguez comprobou “como os traballos avanzan a bo ritmo” ao tempo que destacou “a dedicación e a entrega deste grupo de profesionais que dixitalizan cada día en torno a 2.000 ou 2.500 follas transformándoas en imaxes cunha alta resolución; trátase dun traballo arduo pola constancia e o tempo que supón, e que realizan case a escuras, só co mínimo de luz natural para garantir a máxima calidade nos resultados”.
O concelleiro lalinense explica que “para realizar estes cometidos os mozos empregan tres escáneres cenitales de grandes dimensións que levan unha cámara incorporada e que fan unha fotografía de alta resolución, folla por folla; trátase de aparatos axeitados para este tipo de traballos pois evitan, co seu manexo, o deterioro destes documentos de gran valor histórico”.
“Toda esta documentación se almacena, cos seus códigos e sinaturas correspondentes, nun gran servidor da Deputación -xunto coa dos outros concellos da provincia nos que se está levando o proceso de dixitalización documental- co propósito, segundo nos explicaron estes operarios, de incluso barallar poñela nun futuro accesible na rede”, sinala.
“Dado o volume inxente de unidades a dixitalizar no noso caso -6.210 unidades de instalación- non se pode precisar en detalle a data de finalización dos traballos, de feito os profesionais que os están a desenvolver comentáronnos que estarían ata acabalos”, precisa.
“Unha vez que se complete esta segunda fase estará habilitado un gran conxunto documental correctamente disposto para seu uso e manexo por parte de calquera lalinense nas dependencias do arquivo municipal situadas no semisoto da Casa Consistorial”, destaca Rodríguez.











