Rivas convoca unha moción de confianza vinculada á aprobación dos presupostos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreLocal
A-
A+

O alcalde de Cambre, Manuel Rivas, acaba de convocar un pleno extraordinario para o próximo luns día 18 ás 12.00 horas no que se someterá a unha cuestión de confianza vinculada á aprobación dos presupostos de 2013. Segundo o primeiro edil, a negativa aos presupostos obrigouno a tomar esta decisión por un motivo fundamental: “a súa responsabilidade para cos veciños de Cambre”.

Rivas recorda que mentres non se aproben os presupostos se poderían pagar as subvencións nominativas ás entidades sen ánimo de lucro do municipio, non se poderán facer investimentos previstos e non se poderán mellorar os programas de servizos sociais e do emprego. Ante esta conxuntura o primeiro edil considera prioritaria esta aprobación para traballar con firmeza polo benestar dos veciños de Cambre, posto que de non ser aprobados os presupostos os principais afectados serían os servizos aos veciños. “Aprobar os presupostos é fundamental para garantir servizos e programas de vital importancia para os cidadáns que de non se aprobar non se poderán sufragar, por este motivo véxome obrigado a convocar este pleno”, apunta.

Segundo a lexislación que rexen as administracións locais, a cuestión de confianza que debe estar vinculada á aprobación ou modificación dun dos seguintes asuntos: os presupostos anuais, o regulamento orgánico, as ordenanzas fiscais ou a aprobación que poña fin á tramitación dos instrumentos de plan xeral de ámbito municipal. Así mesmo, a presentación da cuestión de confianza figurará expresamente no correspondente punto da orde do día do Pleno, requiríndose para a adopción dos devanditos acordos o quórum de votación esixido en cada caso pola Lei reguladora das Bases do Réxime Local. A votación efectuarase, en todo caso, mediante o sistema nominal de chamamento público.

Para a presentación da cuestión de confianza é requisito previo que o acordo correspondente fose debatido no Pleno e que este non tivese obtido a maioría necesaria para a súa aprobación.

No caso de que a cuestión de confianza estea vinculada á aprobación do presuposto e obtivese o número necesario de votos favorables para a aprobación do acordo, entenderase outorgada a confianza e aprobado o proxecto presupostario e, pola contra, se non se aprobase a cuestión de confianza, abriríase o prazo dun mes dende que se votase o rexeitamento da cuestión de confianza para que a oposición presente unha moción de censura con candidato alternativo a Alcalde. Se esta non esta non prospera aprobaríanse de forma automática as contas para o 2013.

15 de marzo de 2013 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.