Ribadumia renova a colaboración con Esperanza Salnés e outórgalle unha axuda de 1.500 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

O Goberno de Ribadumia aprobou a renovación da colaboración con Esperanza Salnés e outórgalle unha axuda de 1.500 euros. A alcaldesa Salomé Peña destaca a “importante labor” que Esperanza Salnés está levando a cabo con nenos de toda a comarca, entre os que tamén se inclúen alumnos de Ribadumia, e manifesta que a intención do Goberno local é manter a colaboración que se iniciou o ano pasado coa entidade, da que destaca a “atención que ofrecen” para os nenos con discapacidade física ou intelectual.

Salomé Peña entende que neste momento complicado as administracións deben ser especialmente solidarias cos colectivos máis vulnerables. “Desde o Concello de Ribadumia damos hoxe un paso máis na mellora do benestar e da calidade de vida das persoas e un salto cualitativo no noso compromiso para apoiar aos colectivos máis vulnerables”, manifesta.

Esta axuda a Esperanza Salnés chega uns días despois de que Salomé Peña renovase o convenio de colaboración coa asociación BATA, que permitiu contratar, ata finais de ano, a tres persoas con discapacidade intelectual ou autismo que xa están desenvolvendo tarefas de limpeza e conservación medio ambiental nos diferentes espazos do municipio.

18 de marzo de 2013 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.