Ribadumia presenta á Xunta varios proxectos para promocionar o uso da lingua galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia solicitou colaboración á Xunta de Galicia para desenvolver varios proxecto cos que promocionar o uso da lingua galega no municipio, ao abeiro da subvención que outorgan ás entidades locais para este fin. Inclúense sesións de contacontos infantís, un encontro interxeracional, un proxecto divulgativo da tradición etnográfica e da elaboración do pan, un concurso de relato e banda deseñada Tinto de Barrantes e un programa para a divulgación da programación anual do Auditorio Municipal.

En total, o Concello de Ribadumia presenta un orzamento de 4.400 euros para todos os programas de dinamización lingüística. No caso do encontro interxeracional, desenvolveríase o 12 de maio para conmemorar o Día da Familia. Trátase dunha feira con puntos de información para as familias sobre eidos como a prevención de drogas, a sexualidade, os recursos sociais, a igualdade, os programas de conciliación laboral e familiar e obradoiros infantís.

No que respecta á programación anual do Auditorio Municipal Santa Baia, o Concello de Ribadumia ofrece espectáculos e actuacións cada fin de semana como alternativa de ocio saudable para todo tipo de públicos. Para a súa difusión, realízase trimestralmente unha programación impresa en galego que se distribúe por cada fogar do municipio.

Outro dos programas incluído é para divulgar a tradición etnográfica e o proceso de elaboración do pan nos muíños rehabilitados do Batán. Coincidindo coa Festa do Pan, organízase un concurso de carteis e unha reportaxe audiovisual para promocionalo, ambas iniciativas coa que crear conciencia do uso do galego nos procesos produtivos e fomentar a creatividade de base en galego.

O Concello de Ribadumia tamén organiza un concurso de relato e banda deseñada, tomando como tema principal a tradición vitivinícola do concello e a elaboración do viño tinto de Barrantes. Con esta convocatoria preténdese estimular entre as xeracións máis novas actitudes favorables que se traduzan no uso xeralizado do galego.

Tamén para as xeracións máis novas organizaranse actuacións de contacontos, coas que ofrecer alternativas de ocio para o tempo de lecer e fomentar a comprensión e o uso da lingua.

13 de marzo de 2013 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.