Ribadumia comeza a preparar a XLI Festa do Viño Tinto do Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia comeza a traballar na XLI Festa do Viño Tinto do Salnés, que se celebra o primeiro fin de semana de xuño en Barrantes. Así, xa se están realizando as primeiras reunións entre concello e comisión de festas co obxectivo de comezar a elaborar a programación festiva, pero tamén o calendario das catas por parroquias do viño tinto de Barrantes e das variedades autóctonas.

O que xa está en marcha é a organización dos stands de venda de viño tinto tipo Barrantes e de variedades autóctonas na carpa da festa. Os colleiteiros que estean interesados en participar poden anotarse nas oficinas municipais ata o 20 de abril. O Concello de Ribadumia pon a disposición dos colleiteiros once postos de venta na carpa situada na avenida Bouza Martín, polo que o proceso de selección será a través de catas de viño, garantindo que sexan os mellores tintos os que se poñan a disposición dos visitantes na carpa.

Estas reunións intensificaranse nos próximos dous meses para que esta edición da Festa do Viño Tinto do Salnés siga contando cunha programación variada, atractiva e de calidade, coa que seguir potenciando o valor do viño tinto de Barrantes e promocionar as potencialidades do concello.

18 de marzo de 2013 | 12:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.