Ribadumia cambia o horario da Escola de Ocio e Tempo Libre durante a Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

A Escola de Ocio e Tempo Libre do Concello de Ribadumia cambia de horario durante a Semana Santa co obxectivo de garantir a plena conciliación dos horarios laborais dos pais coas vacacións dos seus fillos. Así, este servizo municipal funcionará de 8.00 a 14.00 horas estes días, e a partir do vindeiro 2 de abril, día no que os escolares regresan ás aulas, o horario volverá a ser pola tarde.

Ademais de facilitar a compatibilidade de horarios, este servizo municipal ofrece actividades de ocio e lúdicas para entreter aos nenos durante o seu tempo de lecer, de maneira que se esperta a súa creatividade, se fomentan os xogos en grupo e a súa participación en obradoiros e manualidades. “Desde primeira hora da mañá e ata a hora de comer, os nenos están coidados por persoas profesionais e, o máis importante, entretidos con numerosas e variadas actividades”, defende a alcaldesa de Ribadumia Salomé Peña. Este curso escolar, conta coa participación de quince nenos e nenas de 3 a 14 anos.

A Escola de Ocio e Tempo Libre de Ribadumia é un dos programas postos en marcha polo Concello de Ribadumia para facilitar a conciliación familiar e laboral. Xunto coa Aula de Acollida e a Gardería Municipal, o Concello de Ribadumia garante durante o curso escolar a compatibilidade de horarios de preto de 150 familias. Asemade, tamén outorga importantes subvencións para o funcionamento do comedor escolar.

25 de marzo de 2013 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.