Ribadumia aproba o terceiro Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes
O Concello de Ribadumia presenta o terceiro Plan de igualdade entre mulleres e homes, aprobado hai uns días polo goberno local. O programa, que se desenvolverá entre este ano e 2016, centrarase no desenvolvemento de accións dirixidas a mellorar a conciliación familiar, o acceso das mulleres ao mercado laboral ou a atención ás vítimas de violencia de xénero.
En total, o plan define un total de sete áreas de actuación: integración e ampliación do enfoque de xénero nas políticas municipais; servizos sociais; muller e emprego; violencia de xénero; linguaxe e medios de comunicación; educación, formación, cultura e participación; e saúde, tempo libre e deporte. Estas sete áreas de actuación desenvolveranse a través de sesenta actuacións que serán executadas ata 2016, que será o período de vixencia do presente plan.
Integración e ampliación do enfoque de xénero nas políticas municipais
Crearase unha comisión multidisciplinar para implantar e seguir o plan de igualdade; introducirase e ampliarase a perspectiva de xénero a todas as políticas, áreas e departamentos municipais; e asesorarase en materia de igualdade.
Servizos Sociais
A través deste departamento, impulsaranse medidas para favorecer e mellorar a calidade de vida das mulleres, respecto a corresponsabilidade e a conciliación da vida laboral e familiar; e fomentarase a coordinación con outros axentes sociais e recursos, tales como centros de saúde, colexio, asociacións…
Muller e emprego
Os obxectivos serán informar, orientar e sensibilizar; mellorar a ocupabilidade laboral feminina; e difundir e promover no ámbito laboral a aplicación do principio de igualdade. Realizaranse cursos formativos para mellorar a empregabilidade feminina; apoiarase ás mulleres nos procesos de busca e mellora de emprego; promoveranse campañas contra a discriminación laboral en función do xénero…
Violencia de xénero
Neste ámbito traballarase a prevención e a sensibilización da violencia de xénero e impulsaranse medidas que dan resposta ás mulleres vítimas de malos tratos, ao mesmo tempo que se traballará na erradicación dos estereotipos sexistas e violentos.
Linguaxe e medios de comunicación
Os obxectivos das accións que se leven a cabo neste sentido serán erradicar o uso sexista da linguaxe nas publicacións, documentos, ofertas de traballo, bandos… do concello, e garantir a non discriminación da muller nas campañas municipais, así coma realizar campañas publicitarias que fomenten a igualdade.
Educación, formación, cultura e participación
Nesta área traballarase para promover a ruptura de estereotipos de xénero e impulsar a transmisión de valores de igualdade entre mulleres e homes; potenciar a participación da muller en cursos formativos e en actividades educativas, culturais, sociais e de ocio; e promover e apoiar a investigación no campo da muller.
Saúde, tempo libre e deporte
Os obxectivos nos que se traballarán serán educar en saúde, promover a práctica deportiva e a adopción de hábitos saudables entre as mulleres; conciliar a vida laboral, familiar e persoal para o ocio e o deporte; e romper estereotipos.











