Ribadumia aproba a Relación de Postos de Traballo e o convenio colectivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O Concello de Ribadumia aprobou esta mañá, co apoio unánime dos sindicatos CCOO, UGT, CSIF e CIG e representantes do persoal, o organigrama e relación de postos de traballo (RPT) do concello, o convenio colectivo do persoal laboral e o acordo regulador das condicións de traballo do persoal funcionario. Tres documentos, redactados pola empresa Galivalia, que son de especial importancia para garantir a modernización, a racionalización e a ordenación da estrutura administrativa e dos recursos humanos municipais, e que permiten a Ribadumia poñerse á cabeza dos concellos galegos en aprobalos tras a recente reforma laboral.

Culmínase así, de xeito exitoso, a aposta decidida que o actual Goberno municipal ten realizado no eido da modernización e racionalización administrativa, así como da ordenación dos recursos humanos municipais. Unha vez acadado o acordo, tras o pertinente proceso negociador, só queda pendente a ratificación final por parte do pleno municipal este xoves, último paso para a súa aprobación definitiva e entrada en vigor.

Coa aprobación destes instrumentos preténdese acadar unha notoria e perceptible mellora na eficacia, eficiencia e calidade á hora de prestar os servizos municipais, ao mesmo tempo que se garante unha normalización e adecuada regularización das condicións de traballo do persoal municipal. Cabe destacar que Ribadumia, con 5.100 habitantes, aproba unha RPT con 22 postos estruturais, o que supón que no concello hai un empregado por cada 235 habitantes, cando a media galega é un empregado por cada 120 habitantes. Ademais, o gasto no capítulo 1 dos orzamentos municipais, relativo aos gastos de persoal, está dez puntos porcentuais por debaixo da media de Galicia.

Organigrama e Relación de postos de traballo

Dá lugar a un organigrama administrativo renovado e adaptado ás necesidades actuais do concello. Non supuxo o incremento de postos ou de persoal, xa que se buscou a máxima optimización dos efectivos dispoñibles, incidindo no fomento da polivalencia, flexibilidade e amplitude funcional dos postos de traballo. Fixa as súas principais características, tanto dende o punto de vista profesional como dende a perspectiva das funcións e competencias a desenvolver. A elaboración da RPT tamén conleva un proceso de racionalización retributiva, eliminando un importante factor de distorsión e diferenciación entre o persoal laboral e funcionario, apostando decididamente pola figura única do empregado municipal.

Convenio colectivo e acordo regulador

Xunto co proceso de racionalización administrativa e organizativa derivado da elaboración da RPT, tamén se acordan o convenio colectivo de persoal laboral e o acordo regulador das condicións de traballo do persoal funcionario. Estes documentos abren unha nova etapa no que á regulación das condicións de traballo do persoal municipal se refire, xa que é a primeira vez que se aproban no concello. A elaboración dos documentos baseouse na asimilación e homologación das condicións de traballo de todo o persoal municipal, con independencia de ter unha relación de tipo laboral ou funcionarial. Cúmprese deste xeito a premisa de igual traballo, iguais dereitos e obrigas.

Neste senso, resulta especialmente relevante a adecuación de ambos textos ás recentes novidades en materia de xornada, horarios de traballo e control da presenza e ausencia no posto de traballo. Así, se incide na adecuada ordenación e racionalización do tempo e xornada de traballo, así como no control e xestión da presencia ou ausencia no posto de traballo, coa finalidade de potenciar a optimización e utilización eficiente dos recursos humanos dispoñibles, así como a prestación duns servizos de calidade e adaptados ás necesidades dos veciños.

4 de marzo de 2013 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.