Rey Varela e Hernández celebran o Día Mundial da Auga coa firma dun convenio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu hoxe a conmemoración institucional do Día Mundial da Auga, que se desenvolveron na Estación Potabilizadora de Auga de Catabois e no que participou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández. Durante o acto, que contou coa  presenza do Director Xeral de Augas de Galicia, Francisco Menéndez Iglesias; así como do xerente da Empresa Mixta de Augas de Ferrol (Emafesa), Alejandro Pisa; o primeiro edil da cidade e o titular autonómico firmaron un convenio de colaboración para a xestión e explotación da presa e encoro das Forcadas, que permitirá aforrar ás arcas locais ao redor de 250.000 euros anuais.

Na súa intervención, Rey Varela sinalou que con este novo acordo entre o Concello de Ferrol e a Xunta de Galicia “continuamos coa senda da cooperación institucional, que neste mandato se ten intensificado cos investimentos da Administración autonómica en saneamento e abastecemento”. Precisamente, o convenio asinado esta mañá permite á Administración municipal recuperar a xestión da presa das Forcadas tras o investimento de preto de 500.000 euros na mellora e automatización deste encoro que vén de levar a cabo a Consellería que dirixe Agustín Hernández. “O balance non pode ser máis positivo”, dixo o rexedor ferrolán, xa que o incremento en 80.000 euros respecto dos gastos que xa viña asumindo Emafesa polo mantemento e control da presa e do embalse compénsanse ao quedar o Concello de Ferrol exento do pago da taxa para as obras de regulación dos recursos hídricos, e que suporía un pago anual aproximado de 300.000 euros.

Así mesmo, Rey Varela referiuse no seu discurso ás orixes do abastecemento de auga en Ferrol e do encoro das Forcadas, lembrando que foi un 7 de agosto de 1965 cando chegaba por primeira vez a auga aos depósitos de Ferrol. “Estamos a falar dun ben, a auga, que para máis de 1.600 millóns de persoas no mundo constitúe un auténtico artigo de luxo porque non teñen hoxe en día acceso a el”, apuntou o primeiro edil da cidade, para facer un chamamento a “ser solidarios e realizar un consumo responsable e racional deste ben común”.

Obras de mellora nas Forcadas

Pola súa banda, o conselleiro Agustín Hernández explicou en que consistiron as obras de mellora levadas a cabo pola Xunta de Galicia no encoro e na presa das Forcadas. Así, sinalou que estas permitiron que a presa agora estea automatizada, monitorizando o seu estado de forma telemática ou mellorando o xeito de tomar as decisións en canto ao resgardo, por exemplo. Así, con estas melloras obterase máis información para prever cambios, o que redundará nunha maior seguridade.

As accións de mellora centráronse na optimización das instalacións e mecanismos para o control dos parámetros de funcionamento. Levouse a cabo unha reparación, mediante inxección de resina, das xuntas verticais do paramento augas arriba da presa, evitando así a introdución de auga na galería, onde se executa unha soleira de formigón. Tamén se colocou un novo peche exterior para delimitar a presa e eliminar toda a vexetación que puidese causar estragos cunha cuneta perimetral de drenaxe.

En canto á instrumentación, instalouse unha estación meteorolóxica, medidores de infiltracións e subpresións nos cimentos e elementos necesarios para equipar a sala de emerxencia. Tamén se colocou un péndulo invertido para controlar os movementos da presa, completado cun sensor para observar o desprazamento do fío do péndulo. Ademais tivo lugar a substitución do sistema hidráulico das comportas.

Día Mundial da Auga

Por outra parte, Agustín Hernández, no marco da celebración do Día Mundial da Auga, explicou que este ano esta conmemoración ten lugar baixo o lema “Ano Internacional da cooperación na esfera da auga”, preténdese salientar por encima de todo o concepto da auga como ben compartido. Engadiu que se trata dun recurso esencial e limitado do que dependen máis de 7.000 millóns de persoas, concretando que, por exemplo, os case 2,8 millóns de galegos consumen máis de 367.200 litros de auga ao día, ou o que é o mesmo, 132 litros por galego e día.

O responsable de Medio Ambiente reiterou que o lema do Día Mundial da Auga xira arredor da cooperación. Precisou que para os galegos a auga sempre foi, é e será un motivo de unión, en todos os niveis e para toda actividade. A forma máis directa son as comunidades de usuarios, onde un grupo de veciños se unía para construír, manter e xestionar a auga, creando fortes vínculos e unha especial sensibilidade difícil de atopar noutras situacións.

Os concellos tamén se asociaron en once grandes sistemas de abastecemento de Galicia, dependentes cada un deles dunha captación común. Baixo esta forma agrúpanse dous terzos da poboación galega con acceso a redes pública de auga.

Hernández indicou que “o máximo expoñente da auga como ben compartido son os ríos, o sangue do noso territorio, polo que hoxe as institucións tamén comprendemos que a auga debe unir, máis que separar, como nos une o Miño a Portugal e por iso o pai dos nosos ríos contará en 2015 cun único plan internacional de xestión da súa bacía”.

Percorrido pola estación de Catabois

Antes da firma do convenio e dos discursos, o alcalde e o titular de Medio Ambiente da Xunta de Galicia percorreron as instalacións da Estación Potabilizadora de Auga de Catabois. En concreto, visitaron o Centro de Control da Estación, a zona de potabilización e a dos depósitos de auga.

Esta conmemoración institucional do Día Mundial da Auga, tamén contou coa presenza do alcalde de Valdoviño, Jose Antonio Vigo; e do presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Ángel del Real.

22 de marzo de 2013 | 20:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.