Rey Varela destacou a importancia de Equiocio para a consolidación da marca Ferrol

Presentación de Equiocio
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu hoxe o acto de presentación do XVI Salón do Cabalo Equiocio, que se celebrará do 28 ao 31 de marzo no recinto feiral ferrolán de Punta Arnela. A presentación desenvolveuse e no Salón de Plenos da Casa Consistorial e á mesma asistiron membros da corporación municipal, organizadores e representantes das empresas patrocinadora do evento.
O concurso hípico pasou este ano das dúas ás tres estrelas, sendo o de maior dotación económica en premios e de maior número de inscritos de todo o territorio nacional. Ademais de ser o único con categoría real de catro estrelas que para o ano se pode solicitar porque se cumpren tódolos requisitos, segundo apuntaron os organizadores.
Na súa intervención, Rey Varela destacou que no presente mes confluirán na cidade naval dous grandes eventos de gran relevancia, como son a Semana Santa e Equiocio; os cales “situarán un ano máis á nosa cidade no escaparate nacional e, este ano internacional, o que nos permitirá asentar a Marca Ferrol” manifestou. Deste xeito, o rexedor ferrolán lembrou que a estes dous grandes festexos se poden unir á Ruta da Construción Naval e ás visitas ao Castelo de San Felipe, que serán retomadas nestes días. Ademais, o primeiro edil encomiou o traballo dos organizadores de Equiocio, que ten as súas orixes nas probas hípicas que hai anos celebraban en Covas. Estes inicios de Equiocio “puxeron os piares do que hoxe se ten convertido nun evento que transcende o aspecto deportivo e de competición para ser tamén unha especie de parque temático e de ocio para nenos e maiores en torno ao mundo do cabalo”, apuntou Rey Varela.
Nesta liña, o alcalde subliñou a importante repercusión que ten Equiocio para a imaxe de Ferrol en Galicia e no conxunto de España, polo que sinalou que “desde o Concello seguimos e seguiremos apostando por esta cita”. E ao fío disto, José Manuel Rey engadiu que “debemos seguir apostando pola promoción de Ferrol e os seus grandes eventos como son a Semana Santa e Equiocio, unha cita ineludible no calendario de grandes acontecementos da cidade e que levarán o nome de Ferrol a todos os recunchos de España”.











