Reunión coa delegada da Xunta na Coruña para solicitar melloras para Frades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFradesLocalLocal Portada
A-
A+
Instante da reunión

Instante da reunión

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuniuse hoxe co alcalde de Frades, Roberto Rey, e co deputado autonómico e concelleiro de Relacións Institucionais de Frades, Miguel Prado, para analizar varios proxectos que a Xunta de Galicia ten en marcha no municipio. Roberto Rey agradeceulle a Belén do Campo a colaboración do seu Departamento no desenvolvemento das obras de saneamento no núcleo de Pontecarreira e solicitou tamén a súa mediación para poñer en marcha os proxectos que permitan levar o abastecemento de auga ás parroquias de Añá e Moar.

O alcalde de Frades convidou á delegada territorial da Xunta a visitar as obras de saneamento de Pontecarreira, nas que a Xunta de Galicia está a investir máis de 1,3 millóns de euros. Uns traballos que se están a rematar nestes días coa reposición do aglomerado na zona, tal e como se comprometera a Delegación Territorial da Xunta na Coruña o pasado mes de setembro. Roberto Rey amosou a súa satisfacción “tanto pola axilización das obras en Pontecarreira como pola concesión do obradoiro de emprego conxunto con Mesía e Curtis, pois está permitindo mellorar e recuperar moitas áreas recreativas e zonas verdes de Frades”.

As obras de saneamento de Pontecarreira son froito dun convenio asinado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Frades para dotar aos veciños dunha nova depuradora, con capacidade para 600 habitantes, que incorporará unha planta de tratamento de lamas equipado cunha cámara centrífuga con capacidade para tratar todas as lamas procedentes do municipio fradense. As obras da rede de augas residuais incluíron a instalación de 5.250 metros de colectores e só resta acometer a construción da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), que estará situada na zona de O Foxo, cerca da actual Estación de Tratamento de Augas Potables (ETAP) e a medio camiño entre o río Tambre e a pista polideportiva do IES de Pontecarreira.

8 de marzo de 2013 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.