Rematan as obras do PEIM Rural para arranxar tres camiños en Carregal, A Gándara e Vilar

Supervisión das obras
A Concellaría de Obras e Acción Rural, que dirixe Francisco Campo Lago, vén de rematar a obra “Mellora da capa de rodaxe dos camiños Carregal de Arriba (Amorín), A Gándara (Estás) e Vilar (Tomiño)”.
As obras, que comezaron hai unhas semanas, incluíron o ensanche, uniformización e pavimentación dos camiños, o que incidirá, tamén, nunha maior seguridade vial, tanto para condutores coma para peóns.
O custe da intervención é superior aos 89.200 euros, e os fondos proceden do PEIM Rural 2012 (Programa Estratéxico de Infraestructuras no Medio Rural), que permitiron arranxar máis de 500 metros de camiños parroquiais, incluíndo nalgúns tramos, melloras na recollida de augas pluviais.
O concelleiro de Acción Rural salientou que ante o mal estado destas tres pistas, o goberno local decidiu investir en melloralas, tendo en conta o feito de que dan servizo a un importante número de vivendas. Neste sentido, Campo Lago subliñou que as obras son o resultado dun investimento conseguido polo esforzo do Concello para a mellora dos camiños do rural, tanto con fondos propios, coma alleos.
Nesta liña figura un investimento, contemplado nos orzamentos deste ano, duns 60.000 euros, para mellorar a capa de rodadura de varios camiños parroquiais.











