Récord de participación para as actividades do mes de marzo en Ociourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

Esta tarde, na aula de Promoción da Saúde de Vasco da Ponte, ás 19.00h, dará comezo a primeira actividade do programa municipal “Ociourense” coa actividade “Cócteles sen alcol” obradoiro que permite coñecer as mellores mesturas de bebidas refrescantes sen alcol, pasando un bo rato.

O programa pretende reforzar a protección dos rapaces fronte ao consumo de drogas, e proporcionar alternativas saudables para o seu tempo de lecer.

Xa durante a fin de semana, os obradoiros de circo, baile, escalada, BTT e piragüismo, cuxos grupos tamén están completos e contan con lista de reserva desenvolveranse o sábado pola mañá de 11 a 13h.

O programa, que xa se desenvolvera con éxito de participación nos anos 2011 e 2012, con máis de 1.000 inscritos por ano, conta na súa terceira edición cun orzamento total de 60.000 euros, cofinanciados polo Ministerio de Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade (42.000 euros, procedente dos fondos decomisados por tráfico de drogas) e a Concellería de Saúde (18.060 euros). Manteranse actividades doutras edicións, como BTT, cociña, xogos tradicionais, sendeirismo urbano, escalada, baile, ou obradoiros de cócteles sen alcohol, ás que se inclúen novidades como obradoiro audiovisual, globoflexia, ou “viaxe libre”, entre outros. Todas as actividades están dirixidas a mozos e mozas de 15 a 30 anos, e se desenvolverán en diferentes espazos públicos da cidade.

Tódolos interesados podedes dispoñer de toda a información sobre o programa a través da páxina web www.ociourense.es. Unha das novidades deste ano será a difusión do programa vía whatsapp, para chegar ao público máis novo, e manteranse outras ferramentas de edicións anteriores como a páxina de facebook.

Os obxectivos do programa OciOurense son promocionar a saúde dende o ámbito municipal, previr situacións de risco, instalar e modificar pautas de ocio que fomenten o desenvolvemento persoal e a creatividade e ofrecer espazos públicos e actividades para un ocio activo e positivo.

1 de marzo de 2013 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.