Proxección da película “Concepción Arenal, visitadora de cárceres”
A concelleira de Muller, Victoria Montenegro, anunciou esta mañá na comisión desta área, a proxección o vindeiro venres, día 22, a partires das 19.30 horas no salón de actos da Alianza Aresana, da película “Concepción Arenal, visitadora de cárceres”, iniciativa que se enmarca dentro do programa de actividades desenvolvidas coa recente celebración do Día da Muller Traballadora.
Esta película, protagonizada, entre outras, por Blanca Portillo (Concepción Arenal na ficción) e Mabel Rivera, foi rodada en boa parte nas instalacións do mosteiro de Santa Catalina, que durante varias semanas convertiuse no escenario dunha cárcere de mulleres.
Como destacou Montenegro, ninguén mellor que a ferrolá Concepción Arenal representa o espírito do feminismo e dos valores dunha época, a de mediados e finais do XIX, especialmente complicada para as mulleres. De feito, Arenal (Ferrol, 1820) tivo que realizar a carreira de Dereito vestida de home posto que entón a presenza de mulleres na Universidade estaba vetada.
Así mesmo, a concelleira socialista quixo ter unha mención especial para a asocación de mulleres de Ares que precisamente leva o nome de Concepción Arenal, por coller o testigo desta destacada feminista. De feito, está prevista a asistencia a este acto aberto e de balde de representantes desta entidade. A edil tamén convidou á outra asociación, a de Amas de Casa, a este acto.











